Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Moitas grazas, don Xosé

Pepe mujica-Foto-Wikipedia
Foto-Wikipedia
Moitas grazas, don Xosé

Despois de 25 anos de activa participación, legal, na vida política (Executivo e Lexislativo] da República Oriental do Uruguai retírase don Xosé Alberto Mujica Cordano. Aínda que deixa o seu escano de senador en boas mans (o Pacha é persoa de grande calidade humana) nada será igual nos debates parlamentarios sen as reflexións do vello tupamaro de 85 anos que actuou sempre de acordo coa recomendación do seu admirado Ernesto Guevara de la Serna: Non se vive celebrando victorias senón superando derrotas.

O devandito é o que sinten os frenteamplistas ao despedilo pero por desgracia o actual Uruguai está dividido entre a luz e a escuridade. Na zona en tebras temos a milleiros de cidadáns que están felices de que “al fin se borra el viejo choto” ou de que “el pichi este no se muere más”. Que explicación ten? Coido que a miña benquerida segunda patria caeu nas redes da indecente doutrina neoliberal. Antes a contenda electoral tiña lugar entre brancos e colorados. Eran adversarios que desputaban o triunfo nun campo de herba recén cortada onde a pelota ía dunha a outra porteiría.

Hoxe, en ningún estadio do mundo, entramos ao campo sen un previo e preceptivo labor de ensulagamento. É necesario que estea ben enlamada para asegurarmos un resultado favorable ao equipo que xoga ao servizo dos que máis teñen. Aquí é onde atopo a explicación a derrota do Frente Amplio. Non hai que buscar erros propios xa que cunha sinxela autocrítica non se achanzará o camiño para o retorno ao poder en marzo do ano 2025. É evidente que o Frente Amplio pode mellorar a comunicación co seu electorado e algúns detalliños máis pero o asunto está en debilitar, no posible, os efectos do forte veleno neoliberal que inxectan os mercenarios mediáticos.
    
Se hai moitos uruguaios que odian a don Xosé é porque houbo quen os chamuyó para que non vexan nel a un adversario político. Trátase de que o consideren coma un enimigo que está a fodermos xa que axuda ou subvenciona aos preguiseiros frenteamplistas que non queren traballar.  A mafia mediática conseguiu poñer fóra do debate electoral, ás ideas. Ollo! É un grande éxito que cambia totalmente o enfoque para a futura campaña electoral. Así foi que ganou Macri, Bolsonaro, Trump e por suposto don Lacayo. O Frente Amplio non ten que buscar convencer e coido é bo recordar a Poe cando dicía: Eu estou convencido, non busco convencer.

É inútil tratar de dialogar cos abducidos. O exemplo máis achegado témolo na Arxentina. O votante brancolorado non se inmutou ao ver que Macri esnaquizaba a clase media. É incapaz de relacionar xa que non analiza cunha mínima obxectividade. É tan necio que non se preocupou cando o seu candidato eloxiou a Macri. Así é que, por desgracia, o tamén se afundirá e perderá ingresos pero conformaráse con que puido quitar da presidencia a Tabaré Vázquez. Se queremos volver a ter un Uruguai cheo de honradez institucional debemos de manter firme, sen tatexos, o espírito solidario que aniña en todo corazón frenteamplista.

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Comentarios