Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Na beira montevideana do Río da Prata

Na beira montevideana do Río da Prata
As árbores enchían as beirarúas do barrio de Aires Puros. Eran os paraísos que protexían dun sol que quentaba moito máis que na aldea de Tines. Ademais da súa boa sombra, botaban un froito pequeno con forma de oliva que era a munición utilizada no xogo de policías e ladróns. Cando pasaba algún carro cheo de latas, vidros e a papeis toda a atención ía ao animal xa que lembraba a besta dos avós na que uns meses atrás volvía paseniñamente do prado dos Denllos para a casa. Os días de verán ían pasando axiña ata que o 8 de decembro de 1958, no xantar, a nai lembrou que a avoa Concepción estaba de santo aínda que no calendario montevideano non aparecía a Inmaculada Concepción. Poñía en letras vermellas: Día de las Playas. O pai afirmou moi convencido que aquí os curas non mandan nada e para proba lembrou o acontecido durante un descanso laboral en Casa Ponti. Pola rúa Yaguarón case Agraciada pasou un crego con sotana que ía cara a veciña parroquia da Aguada e varios compañeiros de traballo ergueron a voz para berrar: ¡Cuervo…Cuervo! Os ollos non daban feito. O oído rexistraba ducias de novos sons. O olfacto arrendecía compracido cando pasaba por diante dunha grella cuns chourizos que non se comen fervidos. Sen ningún rito iniciático o neno de Tines intégrase no sentimento montevideano. Un pouco antes do nadal de 1958 era un membro máis de aquel lugar ateigado de alegría. Aínda non sabía o nome do país pero sentíase ben camiñando entre a xente e os vendedores. As voces pregoaban produtos que non coñecía. O acento e a entoación éranlle ben estraños: Vaamoo… que me queda el último; Yebee…la pichincha hoy; Vea doña… tengo los mejores durasnos Rey del Monte. Estaba na feira de Tristán Narvaja. Non sei os quilómetros que fixen o 6 de xaneiro de 1959. Os pés firmes nos pedais facían ir e vir un coche vermello con dúas raias brancas a cada lado do que facía de motor. A baixadiña da rúa Pantaleón Artigas desde Ipiranga ata Propios, era perfecta. Aínda non esquecera as pedaladas nun triciclo de madeira e ferro que lle fixera seu pai pero aquela máquina montevideana era moi superior. Ata podía descansar debaixo do paraíso sen quitar as mans do volante. Levaba pouco máis dun mes lonxe da aldea pero semellaba que o cambio era positivo. Todo en Montevideo era novidoso. Os novos nomes fóronse gravando por enriba de outros anteriores que axiña se esqueceron. A primeira esquina estratéxica foi a de Propios e Burgues. Só había que recordar dous números de tres cifras segundo a viaxe no ómnibus fose ao mar ou ao centro. O mar eran os areais de Buceo e Malvín e o centro era onde traballaba o pai. Para bañarse o número era “202” e para traballar o “158”. Nesta encrucillada as mantequillas de dulce de leche da panadería “La Futurista” eran unha auténtica marabilla aínda que non todo era doce senón que tamén estaba a mortadela. Un pan porteño cunhas lonxas de friame de “Cativelli” ou de “Ottonello” son o mellor refuerzo despois de tres horas sen saír da morniña auga do Río da Prata. Os pais preguntan se lembraba cando estivera en Laxe. A verdade era que case non recordaba. O neno emigrante roe de présa para volver axiña cun neno que está a facer un pozo fondo na area e necesita axuda. Pola noite descubrirá que o tomate ademais de comerse tamén vai ben para arrefríar a pel queimada polo sol.  
  • Manuel Suárez Suárez.
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios