Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Manuel Vilar
09:30
11/05/11

A emigración de Carnota en Nova York (V) – A chegada: casa e traballo (II)

A liña elevada do metro, co seu ruído constante, marca a barriada de Astoria
A liña elevada do metro, co seu ruído constante, marca a barriada de Astoria
A emigración de Carnota en Nova York (V) – A chegada: casa e traballo (II)
O caso de Ramón non é o estándar da emigración masculina de Carnota á cidade de Nova York, mais é un bo exemplo da estratexia de adaptación e progreso persoal. “Aquí nós –dinme- nos dividimos en dous ramos: o ramo da hostelería e o ramo da construción. Dispois haberá catro que traballen nunha oficina, que os hai”. E estes catro son xa fillos de emigrantes que completaron no lugar de destino os seus estudos; o que demostra que a educación é unha vía de triunfo na segunda xeración, como o irmán de Carme, que rematou a universidade e traballa nunha importante compañía farmacéutica, “xa non vai ir, ten mui bo traballo aquí, non. Tratou alá pero non lle paghan nin a cuarta parte”. Os salarios baixos que atopan aquí non os invita a regresar. Cando falan de “construción” fan distinción entre “os da pintura” e os propios “da construción”. Os primeiros traballan pintando casas e edificios; os segundos, nas obras públicas, abrindo gabias para colocar tubarias e cables nas estradas, etc. Por construción aquí entenden algo distinto á albanelería e considérana un traballo duro “esclavo”, pero ben pagado; “son os que máis ganan” e “cada jueves tes o teu cheque e é mui bonito”. Manuel empezou lavando pratos nun restaurante:
  • “O lavaplatos aquí non é traballo, é unha esclavitú, porque nin tes horario, nin tes salida, nin tes entrada. Páganche en cash, ou sea, que non tes seguro, non tes nada. É un traballo pa salir do paso. Se cadra aí hai un restauran que ganas muitos cartos, pero os cartos que ganas tes unha enfermedá ou eso e tes aquí a familia e é peligroso, porque se tes muller e fillos e tes que ir a un hospital ou eso e non hai seguro de nada, traballas por cash, ti traballas uito días alí, os uito días danche, daquela, hoxe danche máis, pero daquela dábanche 100 ou 150 dólares só. Non había quitar unha muela nin nada, non había nada. E todo de nuite, empezas a traballar ás cinco da tarde. Tas suposto de traballar asta ás doce, que son sete horas, ¿non? Pero ás doce énchese o restauran de xente, e tes que estar alí e pa lavar platos, eso, non podo marchar, marcho, senón xa non traballas máis. E esa xente marcha ás cinco da mañán, e ti acabas as cinco da mañán e marchas, pa casa. Ou sea vas pa casa, dormes asta as dúas ou tres da tarde e ás catro tes que volver po sitio. Ou sea que é unha esclavitú, unha verdadeira esclavitú”.
Pero este tipo de traballo posibilitoulle ampliar a rede de coñecidos e mellorar:
  • “Entonces ti conoces xente, muita xente que vai alí comer, por ejemplo dueños de restaurans, xente que traballa en empresas buenas, ¿non? Eu aí conocín a un italiano que estaba casado cunha cubana, e estaba de boss do hospital ese, de boss de hauskibe [housekeeper],  hauskibe quer dicir encargado da limpieza… Bueno, e entonces eu conocino alí cando fun alí, e tamén o conocía María, a muller de Paco (de orixe hispano), porque María traballaba xa no hospital, de enfermera. Entonces Paco daquela viña a comer muito alí ó restauran onde traballaba eu de lavaplatos, xa eran mozos. E entonces estando alí María díxolle ó jefe ese: ´porque non lle buscas un traballo a este home no hospital‘. E dixo el: ´ti ques vir ó hospital‘. E díxenlle eu: ´si‘. E dixo: ´bueno, eu vou mirar‘. E nun día díxome el: ´tes que ir ó hospital pasar unha revisión médica‘. E metéronme alí no hospital. Eu traballei doce anos, na limpieza. Despois o hospital cerrou, ou vendérono, cerrou, vendérono e cerrou pa arreglalo, o caso é que a xente botáronos todos fóra, deron un despido de douscentos ou trescentos dólares e fuera”.
Despois buscou traballo nun edificio de apartamentos, grazas á amizade co encargado, o “super”, outro italiano que traballaba tamén nas fins de semana no hospital, de “seguriti”. O pai de Pepa fixo o mesmo camiño, “cando vén p´aquí empezou a lavar platos, estaba lavando platos nun restaurant e, despois, empezou a traballar na construción”. O pai de Carme traballaba “na pintura” igual que o marido de Pepa actualmente*. Mariño e Pepe traballan na construción, Paco e Carballo na hostalería. A maioría das mulleres traballan limpando casas e oficinas. María empezou traballando nunha factoría:
  • “eu poñíalle a tira que vai aquí ó sueter, e nesa traballei dez anos, e despois cambieime para outra para aquí para o Bronx, e aí limpiando pantalóns, cortándolle os fíos ós pantalóns cunha máquina de limpiar, as máquinas facían os pantalóns e despois as limpiadoras limpiábamoslle, cortábamoslle. E aí no Bronx traballei uito anos, e dezauito anos, e aquí no Bronx cerrou a factoría, e eu estaba pagando a Unión, e entonces para cobrares a Unión tes que traballar dez anos, e entonces eu traballei uito e quedei [sin traballo] e busquei traballo por alí e non encontrei traballo pola Unión. E quedei sin traballo e estuven sin traballar e despois traballei en casas, asta que me retirei”.

O caso de Uxía é semellante, cando chega tamén vai traballar “a unha factoría de roupa, traballábase a destagho. Bueno, primeiro xa fun sin cobrar nada porque tiña que aprender. Eu sabía andar na máquina, pero nas d´aquí non. E leváronme aí a Manhattan, entrando eu iba naquel ascensor...” O traballo conseguiuno por medio da muller “dun que traballaba co meu home no restaurante. Ela traballaba aí, non, ela traballara aí antes, levoume, e fun, unha semana estuven aprendendo ou nen sei canto, non me pagaron nada, fun a próxima semana cando pensei que iba cobrar o que cobrei non me chegou para o taxi, porque era polo que facías e a min parecíume que fixera un milagro pero non fixen nada porque había que darlle, despois canseime de estar aí e non ganar casi nada e marchei”. E foise para outra factoría, “aí ganaba un pouquiño máis”. Despois tivo os fillos e deixou de traballar e “cando empeçei cando estaban eles [os fillos] na escuela, dispois xa empecei limpando”.

Manhattan, onde traballan algunhas mulleres de Carnota limpando apartamentos e oficinas.
Manhattan, onde traballan algunhas mulleres de Carnota limpando apartamentos e oficinas.

A maioría teñen varias casas ou combinan unha casa con varios locais de oficinas. As que foron á escola no país de acollida empezaron a traballar antes mesmo de acabar o tempo de escola. Carme dinos que “empecei cuidando unha velliña con quince anos”. Acababa de chegar e non falaba aínda inglés e a señora “era a que me axudaba a facer a tarea, o que era o inglés e todo, marabilloso. Pagaban 200$ daquela, pa min 200& con quince anos, flipaba.” O caso de Pepa é moi parecido e despois de saír da “escuela tiña unha casa, amais facía beibisiti [baby-sitter], despois cando me casei deixeino todo” e non volveu traballar até que nace a última filla, que é cando os pais deciden regresar e ela quería quedar cos traballos que tiña a nai, pero precisaba alguén que lle coidase a nena. A solución será enviar a filla coa avoa para Carnota, pero esta foi unha experiencia negativa: “non o fago máis na miña vida”. * Nota: - Carmen e Pepa casaron en Nova York, unha cun home do concello de Muros, a outra cun hispano que “conocín na High School”.

Serie “De Carnota a Astoria”

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios