Martes. 22.09.2020
El tiempo
Manuel Vilar
07:12
12/03/13

O Monte Facho (II)

O Monte Facho (II)

Da importancia desde o mar do promontorio de Fisterra xa falamos un pouco, aínda que queda moito por dicir. Pero ese monte maxestoso, que semella deitado brandamente no medio do mar, tamén chama a atención desde terra firme, polo que desde vello é un lugar destacado na xeografía e mitoloxía deste occidente que habitamos.

Este monte é coñecido popularmente polos nomes de O Cabo ou O Facho. Respecto á denominación de “O Cabo” dixo a americana Georgiana Goddard King (1920) que “the folk there speak of El Cabo as we of the Nort Cape and that of Good Hope”.

Considerouse este monte como o lugar onde se divide o “mar de levante” do “mar de poniente”, o mar da civilización e da luz, do mar das tebras e do oscurantismo. Para outros era simplemente “onde a terra se acaba e o mar comeza”. E para o patriarca Otero Pedrayo “o Fisterra expresa un cheo, un ledo trocamento de signo xeográfico: dá o sinal das Rías”. Este autor di que o Océano determina a facies esencial e a historia física de Galicia, que o Atlántico chama por Galicia e que esta “faise” cara ao Atlántico. Si é así como dicía don Ramón, podemos entón dicir que o Cabo Fisterra é un imán dobre que atrae a Galicia continental cara ao Atlántico e, ao tempo, atrae a este para abrazar o noso territorio, cal cinta de prata, que diría López Abente. E desa loita, e da interacción humana, temos esta paisaxe universal, mítica e simbólica.

Pero quedamos coa imaxe do Padre Sarmiento, quen dixo simplemente que “el promontorio de Finisterre es majestuoso y muy alto”, é dicir, un lugar magnífico que nos impresiona e desde o que un pode sentir a angustia vital, ou sexa, un “verdadeiro impacto de finibusterrismo”, que diría o corcubionés Francisco de  Ramón Ballesteros.

Pero o Facho é, e foi, unha imaxe cotiá para os habitantes da súa contorna. Para uns era unha curiosa silueta ao lonxe por tras do cal desaparecía o sol todos os días; para outros, un lugar ao que subir co gando, buscar leña, valumada e, mesmo, cultivar algunhas parcelas. Para esta xente o Facho é tamén un lugar asociado ao traballo e á procura da subsistencia en tempos difíciles. Eles nomearon certos espazos en relación a estas actividades primarias. Así falan do Bravo, da Horta do Piloto, Horta da Marconi, Horta do Caseiro, Prado do Rial, Campo d´Arriva, Lomba do Campo d´Arriba e Campo d´Abaixo; falan de “ríos”, que non son máis que simples mananciais, como o Inquieiro, o Mixirica, o río do Monte, o Rego da Vela, pero para a xente que necesitaba desta auga eran verdadeiros ríos. Entón non é de estrañar que alguén, alguén maior, claro, nos diga que o monte estaba cheo de ríos, ríos que desapareceron ou minguaron cando a vila de Fisterra, necesitada de auga, empezou a canalizala desde o Facho.

Algúns outros topónimos teñen que ver coa navegación, foron e son marcas, pero tamén reciben ese nome pola forma que teñen ao seren vistos desde o mar: Petón Vixía, Pedra do Velador, A Pedra do Cabalo. Outros espazos teñen que ver co evolucionar das técnicas de axuda á navegación, ou teñen que ver con toda a simboloxía creada ao arredor deste punto final, como as Pedras Santas ou o Pé.

A vella Antena Marconi no Monte Facho de Fisterra

En relación coas técnicas de navegación temos O Facho e A Marconi ou “Marconio”. Hai xente en Fisterra que aínda lembra o alcume “facheiro” dunha familia. O facheiro sería a persoa encargada de acender o lume do facho antes da construción do moderno faro en 1853. A última vez que subín con dous vellos amigos fisterráns ao monte sinaláronme as pedras onde estaba o facho, as covas onde o facheiro collía a auga e o espazo onde tería a horta e onde cultivaba algunhas hortalizas.

Da vella estación de radio, da que neste ano celebramos o centenario da súa entrada en funcionamento, só quedan mínimos restos, realmente queda o sitio. A xente maior de Fisterra noméana porque “aínda a acordo a flote”, díxome un destes amigos. E lembran vir as mulleres a traballar aquí na limpeza e lavado da roupa dos encargados; tamén sinalan que o espazo que hai detrás, un espazo chan, era a horta. Despois este espazo foi pechado pola telefónica e, cando xa non cumpría a súa función orixinal, abandonado. Sempre desprezando o pasado que nos trouxo até aquí.

Esta estación foi un lugar importante nas comunicacións, un lugar importante para salvar vidas humanas. Desde o seu iate “Electra” Guglielmo Marconi fixo experimentos coa comunicación sen fíos. Deles dá noticia o xornal The New York Times en 1920, dicindo que coa axuda deste sistema será posible navegar o cabo Fisterra no medio dunha espesa néboa. Fala, pois, da importancia que tiña este punto para a navegación.

Cando por aquí pasa o hispanista Aubrey F. G. Bell, a comezos dos anos vinte da centuria pasada, dinos que está ao mando da estación o inglés Mr. Alfred Lewis. E a Marconi ten outra relación con Fisterra, pois Alejandro Finisterre naceu aquí pola vinculación do seu pai con esta estación. Tamén traballou na estación Cipriano Fernández Brage, o alcalde paseado naquel tórrido verán de 1936.

Escríbeme unha xente que quer celebrar o centenario da Marconi, xente que quer salientar e recoñecer que esta estación era a máis importante da península Ibérica pola súa estratéxica posición.

Hoxe estamos nun mundo global onde a comunicación é fundamental. A Marconi estaría nas orixes desta comunicación moderna, polo tanto é un patrimonio noso que nos relaciona tamén con outros lugares claves neste avance das comunicacións, un patrimonio distinto. A estación de Fisterra estaba situada no que sempre se considerou o lugar máis occidental e apartado. En 1901 Guglielmo Marconi estaba noutro lugar remoto e considerado o lugar máis ao sur de Inglaterra, na península córnica de Lizard. Alí tiña outra estación que pasou por vicisitudes semellantes á de Fisterra, mesmo foi fanada por un temporal, pero en 2001, no seu centenario, eses barracóns foron reconstruídos e a memoria e importancia dese lugar para a comunicación quedou preservado. Ademais publicaron un libro sobre a historia da mesma.

Asi quedou a antena de Marconi o pasado 2010- Foto- Marcos Rodriguez

O coñecemento é unha das razóns das sociedades democráticas. Coñecer o territorio é fundamental non só para futuros planos de desenvolvemento e de dinamización turística, senón tamén para unha vida de mellor calidade. Isto vale para Fisterra, pero tamén para Touriñán e para outros espazos do noso territorio. Como vamos a pór en valor se non o coñecemos e non o coñecemos porque non afondamos no seu estudo, e non afondamos no seu estudo porque os planificadores só ven o facilmente consumible e non o auténtico. Alguén dixo que vivimos na cultura do flash.


Máis información

comentarios