Domingo. 13.10.2024
El tiempo
Manuel Vilar
09:30
01/02/14

O Museo do Pobo Galego: un museo para a Galicia do futuro

O Museo do Pobo Galego: un museo para a Galicia do futuro

Xa dimos conta da campaña aberta pola salvación do Museo do Pobo Galego. E a través da Asociación de Medios en Galego queremos seguir facendo fincapé na necesidade de coidar este tesouro.

Deste xeito, toda a rede de medios publicamos estes días este artigo do noso colaborador habitual Manuel Vilar, investigador muxián e Secretario do Museo do Pobo Galego. Un artigo que repasa o actual contexto da cultura galega a través da situación do emblemático museo.

O Museo do Pobo Galego: un museo para a Galicia do Futuro

banner-museo-do-pobo-galego

A idea do museo como unha institución ao servizo da cidadanía, nace co ideario da Ilustración e da revolución francesa, e faino como unha ferramenta máis para a educación dos cidadáns. No contexto da formación dos novos estados os museos teñen que mostrar “o propio”, e fano para exaltar as respectivas culturas e estender o sentimento dunha identidade colectiva. Co romanticismo aparece a idea de mostrar “as bondades do pasado” diante do comezo do desmantelamento da vida rural e do mundo das artesanías, facendo efectiva a afirmación de David Lowenthal de que a percepción da ameaza de extinción sobre algo aviva o desexo de protección e permanencia.

Colocados no museo, os obxectos, e aquí falamos especialmente dos chamados etnográficos, sofren unha modificación de valor e temos outra relación con eles, unha relación distinta a cando forman parte do cotián, onde o valor de uso é predominante. Agora hai unha distancia e unha posición desafogada, de aisance, que diría Pierre Bourdieu. Isto é o que nos permite unha relación especial, polo que “as cousas vellas” pasan a ter outro significado e a ter un valor simbólico: son testemuños da vida das xentes, dunha vida social. Así, o museo acaba sendo un lugar da memoria e un espazo público para o consenso social.

No noso país o proceso de musealización, e de musealización etnolóxica en concreto, ten un percorrido, podemos dicir, semellante ao doutros lugares. Hai unha mirada cara ao propio parella ao rexurdir cultural desde o Rexurdimento. Houbo iniciativas pioneiras, como o museo de Pías, creado polos irmáns Peinador ao carón do balneario de Mondariz. Pero a iniciativa máis interesante agroma dentro do Seminario de Estudos Galegos (SEG), e 1926 pode ser unha data de referencia para este “Museo Etnográfico Galego”. A importancia do mesmo vén dada polo interese que para as xentes do SEG tiñan os materiais etnográficos. Eles construíron bens culturais con pezas que até entón só pertencían á vida e ao traballo cotiá das xentes sen historia, pero xentes que fixeron Historia, pero non tiveran quen lla contara. A xente do SEG converteron estes materiais en portadores dun significado colectivo, en testemuños dun modo de vida. Máis isto de pouco serviría si os creadores deste museo non foran conscientes de que detrás había unha sociedade que participase deses significados, polo tanto, que construíra eses obxectos como un patrimonio que os identificaba.

Pero chegou o levantamento militar de 1936 e o desmantelamento do SEG e do seu Museo polas bravas. O franquismo non foi un tempo propicio para incidir na especificidade cultural. Houbo que agardar á transición política para crear, de novo, un museo para poder abrir a porta principal aos que sempre entraron na historia pola porta de atrás. Así, no 1976 nace o Museo do Pobo Galego (MPG), que abrirá as portas por primeira vez o 29 de outubro de 1977. Nel non só van ter acollida os superviventes do Museo do SEG, como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, e estamos orgullosos de ser os seus continuadores, senón que tamén acollemos parte do seu ideario, inquedanzas e compromiso coa cultura que se fai en Galicia.

Mais a continuidade require adaptación aos tempos, e os tempos de agora non son os de 1926, tampouco a sociedade é a mesma. Déronse fortes cambios e transformacións socioeconómicas, especialmente debido á aceleración do tempo e a contracción do espazo nunha sociedade globalizada, cambios que producen desterritorialización e homoxeneización, e onde moitas prácticas que viñan sendo tradicionais son agora tan só prácticas da memoria.

Desde o MPG queremos, como a xente do SEG, dignificar un patrimonio que foi desvalorizado e silenciado, como silenciada foi a cultura e a xente que o ten creado. Repítese teimosamente na teoría museolóxica que un museo non existe sen coleccións. No MPG gardamos obxectos que falan das respostas dadas por un grupo humano ante as necesidades vitais, polo tanto son documentos esenciais para entender o noso presente cultural, e referentes precisos para camiñar cara ao futuro, porque queremos un futuro digno e próspero. Pero as coleccións precisan ser estudadas e documentadas para afondar no coñecemento que gardan os obxectos e poder, tamén, exhibilas dignamente para que o público perciba e comprenda mellor a mensaxe multidimensional deses obxectos, deses documentos.

Mais, para lograr isto, temos que ter medios para poder estudalo e expoñelo en condicións. Só así, a sociedade poderá ter un mellor acceso a ese coñecemento, poderá facer uso do mesmo e gozar libremente del. Se é así, ao final estaremos, tamén, aumentando a autoestima, sempre necesaria en momentos de fortes cambios e inestabilidades, estaremos lanzando áncoras para a nosa seguridade.

Aquí reclamamos, pois, o apoio da sociedade, porque somos un museo de sociedade e para a sociedade, porque, como sociedade, necesitamos coñecérmonos mellor para estar mellor situados no mundo, para ser respectuosos e que nos respecten nunha sociedade global e democrática. Pensamos que somos útiles a nosa sociedade e queremos seguir cumprindo este papel. Pero para cumprilo precisamos o apoio da sociedade civil, precisamos medios para levar adiante o noso labor como institución museística. Será a sociedade a que nos diga se somos útiles.

O antropólogo James Clifford, utilizando un concepto procedente da pedagoxía, dixo que os museos eran zonas de contacto. Nós pretendemos que o Museo do Pobo Galego sexa unha zona de contacto dos galegos e galegas coa realidade social na que viven e co futuro no que queren vivir. Non somos un museo para lamentarnos por un mundo que se foi, para chorar a perda dun patrimonio, somos un museo para mostrar e ensinar cultura, para que os visitantes aprendan sobre a nosa identidade e aprendan a respectar outras identidades. E, como todo museo, temos vocación de permanencia.

Máis información

Máis artigos da Voz dos Medios en Galego

Comentarios