Luns. 15.08.2022
El tiempo
Manuel Vilar
20:35
19/04/11

"Vin porque me trouxeron, non quería vir". De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota en Nova York (II)

"Vin porque me trouxeron, non quería vir". De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota en Nova York (II)
[Este traballo foi publicado na revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela. Unha versión deste traballo fora anteriormente presentada como comunicación no congreso Galicia: Éxodos e Retornos, organizado polo Consello da Cultura Galega en xullo de 2006 na cidade de Santiago de Compostela. Para a publicación en Que pasa na costa fixen algúns retoques e vertín ao galego as citas que estaban en inglés no texto orixinal.]

Do Caxido a Astoria (II)

Astoria é un barrio de Queens, é un dos cinco boroughs ou distritos municipais que conforman a cidade de Nova York; é o máis longo en extensión, vai desde o East River até o océano Atlántico, e o segundo en poboación con máis de 2 millóns de habitantes. Nel atópase o aeroporto John F. Kennedy, a porta oriental de entrada aos Estados Unidos desde que pechou Ellis Island, e o de LaGuardia, para voos domésticos. O nome de Queens, segundo algunhas guías turísticas, vén de Caterina de Braganza, a esposa portuguesa do rei inglés Carlos II, mais non hai proba histórica de que sexa por este motivo. Queens é o distrito que está máis cara ao norte e a poucos minutos de Manhattan, despois de cruzar o East River. A antropóloga Maxine L. Margolis, que estudou a emigración brasileira en Nova York, describe Astoria como “unha barriada de edificios baixos de apartamentos, modestas casas adosadas de dúas familias e a presenza dominante dunha liña de metro elevada que envolve a súa principal vía comercial nunha constante escuridade” (Margolis 1998: 5). E engade: “pero a pesar da súa diversidade étnica, atopamos ocasionais indicios da presenza brasileira aquí”, como pode ser, di, a rara imaxe dunha bandeira do Brasil colgando cara a fóra na ventá dun apartamento, algúns xornais, unha axencia de viaxes, etc. A diversidade étnica débese a que, até hai pouco, Astoria era unha barriada non visitada polos turistas e cuns prezos máis baixos nas vivendas que outras áreas de Nova York, pois este barrio, como todo o distrito de Queens, entrou máis tarde na área metropolitana da gran mazá.

Entre a diversidade étnica que a habita son moi visibles os gregos. Dise que é a zona onde máis gregos hai fóra de Grecia. Aquí atópase a catedral de San Demetrio, que ten tamén unha escola bilingüe, numerosos restaurantes, tabernas, varios locais de asociacións e tendas de todas as clases e un pode pasear pola Athens Square ou polo Hellenic Park. Como curiosidade dise que aquí naceu María CallasTamén se nota a presenza dos brasileiros. Actualmente entendo que a presenza brasileira é visiblemente maior a cando Margolis estudou esta emigración aquí, ou, cando menos, exteriorízase máis, pois as bandeiras que se ven son xa varias e a súa presenza faise socialmente visible por medio da actividade comercial; só na mazá onde está situada a Casa de Galicia contamos unha perruquería -coa bandeira na porta-, restaurante, café, unha tenda, diversas tendas de roupa, etc. E nótase a presenza dos hispanos e outras comunidades, especialmente da Europa do Leste, como os croatas, bosnios eucranianos, que tamén teñen aquí unha igrexa. Son varias as comunidades que construíron no lugar de destino ao que emigraron as súas propias igrexas. Isto pódese entender como unha necesidade étnica de definir os seus propios lugares de oración (Nash 2001: 213)]. 

Por último, temos a presenza galega, só visible coa bandeira que colga da fachada da Casa Galicia de Unidad Gallega, cunha axencia de viaxes que está case na esquina de en fronte, e, moi de vez en cando, escóitase alguén falando galego pola rúa Broadway ou Steinway, as principais arterias comerciais deste barrio, mais sempre que escoitei galego nestas rúas eran persoas xa maiores. Polo que podemos dicir que a comunidade galega é, na práctica, socialmente invisible nesta cidade, pero está aí. Astoria tamén é coñecida polos Kaufman Astoria Studios e foi a capital do cine mudo, pois entre 1919 e 1930 a Paramount tivo aquí os seus estudos, despois marcharía para Hollywood. E, entre outros, aquí rodaron os irmáns Marx ou Rudolph Valentino. Aquí está, tamén, o Museum of the Moving Image. E é neste barrio onde se asenta unha boa parte da emigración procedente de Carnota, e os que non viven nel achéganse por aquí e encóntranse cos veciños na Casa Galicia, como o caso de Antonio, que vive en Staten Island e vai todos os sábados á Casa Galicia “a ver o fútbol” e aos veciños.

Serie “De Carnota a Astoria”

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

comentarios