Mércores. 21.08.2019
El tiempo
María José Mato
12:50
11/12/17

A hospedaxe turística na Costa da Morte

A hospedaxe turística na Costa da Morte

Coa finalidade de coñecer cales son as dimensións actuais do mercado do hospedaxe turístico dos nosos concellos, a continuación preséntanse os datos que ofrece o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT) para a Costa da Morte.

Numero de prazas de aloxamento regulado por tipo e concello-Fonte-Maria Xose Mato Numero de prazas de aloxamento nos concellos da Costa da Morte segundo tipoloxia-Fonte-Maria Xose Mato

Tal e como pode observarse tanto na Táboa 1 coma na Gráfica 1, esta investigación está baseada na análise pormenorizada dos datos oficias do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, de Turismo de Galicia, para o mes de novembro do ano 2017.

O estudo realizado permítenos saber que a tipoloxía de aloxamento turístico que ofrece máis capacidade de hospedaxe na Costa da Morte é o campamento turístico. Con un total de 2.497 camas ocupa o 26,46% da oferta.

En segunda posición, as vivendas de uso turístico proporcionan 2.123 prazas e ocupan o 22,50% da oferta.

As pensións, con 1.485 prazas ocupan a terceira posición, e copan o 15,74% do mercado.

A continuación, en cuarto lugar, os hoteis, que con 1.342 prazas representan o 14,22% da oferta.

Seguidamente, en quinto posto, o hospedaxe en albergue, ofrece 1.092 prazas e unha porcentaxe do 11,57% sobre o total.

En sexta posición os apartamentos, que suman 514 prazas e representan o 5,45% dos establecementos regulados.

E por último, en sétimo lugar, está a tipoloxía do turismo rural, que cun 4,07% suma 384 prazas en total.

CONCLUSIÓNS

A análise dos datos actuais dos principais establecementos que constitúen a rede de aloxamento de Galicia, permítenos identificar os trazos esenciais da oferta turística da Costa da Morte e  extraer as seguintes conclusións:

  • O cómputo pormenorizado da oferta hoteleira na Costa da Morte desvela un mercado formado exclusivamente por establecementos de categorías intermedias e inferiores.
  • Á vista dos resultados obtidos, é obrigado dar a coñecer que a excepcional representatividade da oferta residencial sobre o cómputo xeral -22,50%-, impide a aplicación de parámetros de sostenibilidade, de respecto ó medio ambiente e de posta en valor do patrimonio rexional. Esta oferta, ademais de propiciar en ocasións a competencia desleal –non crea empresas nin empregos-, establece unha relación intensa entre turismo e construción, estimula a proliferación de residencias secundarias, e favorece a ocupación máis extensiva do chan.
  • De igual modo, é obrigado sinalar que, en estudos realizados noutros ámbitos turísticos (Picornell et. al., 2006) demóstrase que os turistas de poder adquisitivo máis alto e con maior intención de gasto prefiren a oferta regulada en hoteis e establecementos de categorías intermedias e superiores. Mentres que o aluguer de vivendas para uso turístico –que presenta o 2º posto en oferta de prazas na Costa da Morte- é a elección prioritaria de quenes buscan reducir o gasto medio por persoa.
  • Urxe chamar a atención sobre a necesidade de contar cunha política de estruturación da oferta de aloxamento turístico da Costa da Morte para, entre outros, evitar desequilibrios rexionais internos, e impedir os aspectos negativos que favorecen os modelos de desenvolvemento turístico baseados en cifras crecentes de persoas que cada vez gasten menos.

METODOLOXÍA: NOTAS FINAIS

Os resultados que se presentan neste estudo teñen a súa orixe na validación interactiva de fontes informativas secundarias. En consecuencia este informe contén información organizada e elaborada, produto da análise, extracción e reorganización dos datos do rexistro oficial da Xunta de Galicia, no que se recolle a oferta turística regularizada e actualizada, para o mes de novembro do ano 2017.

Da oferta turística ilegal da Costa da Morte non existen datos oficiais, polo que esas cifras non puideron incorporarse nesta investigación. Este estudo non nega a súa existencia.

  • María José Mato Figueiras. Guía oficial de turismo. Especialista en planificación e xestión de destinos turísticos, cun mestrado en Investigación Turística.
  • Novas relacionadas

     

    Artigos de María José Mato

    Fonte

    comentarios