Sábado. 29.01.2022
El tiempo
María José Mato
12:31
11/08/17

Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia

Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia

Durante os últimos tempos escoitamos falar dun movemento que parece coller cada vez máis forza e facer máis ruído. De repente, medios de comunicación e articulistas de todo tipo coinciden en debater abertamente sobre algo que veñen a denominar turismofobia.

Con esta palabra de recente creación, trata de identificarse o temor, a aversión ou o rexeitamento social que senten os residentes dun destino cara as grandes cantidades de turistas que o visitan.

Entre os factores que supostamente a provocan soen estar, a ruptura da vida cotiá da poboación local, o incremento dos prezos do aluguer, a aculturación, o aumento do tráfico, o exceso de ruído, os salarios baixos e estacionais, o incremento nos custos de vida, ou a degradación dos espazos naturais.

Se o pensamos detidamente calquera destes factores indica que os sentimentos de odio ó turismo non nacen dun día para outro, nin moito menos son exclusivos de certas zona de España. Noutras palabras, a turismofobia non naceu en Barcelona ou Mallorca, nin tampouco se inventou este verán.

É máis, o asunto foi é segue sendo amplamente estudiado en distintas partes do mundo. E incluso existen modelos que analizan os impactos do turismo nas poboacións locais.

Un destes modelos é o coñecido como “Doxey’s Irridex Model”, que data do ano 1975, e serve para analizar os efectos que ten o desenvolvemento do turismo en canto ás relacións entre residentes e turistas.

Indices de irritacion das poboacions locais co turismo

Según a teoría de Doxey, no momento de iniciar o turismo xurde un sentimento xeneralizado de EUFORIA. As oportunidades móstranse ilimitadas e a satisfacción da poboación residente é total. Créanse novos fluxos de diñeiro e danse os primeiros pasos para a transformación. Dótanse infraestruturas e servizos, e aumenta constantemente o número de visitantes. Ó mesmo tempo aumenta a especulación do chan e a explotación de zonas virxes. Pero a euforia é tal, que as estratexias de planificación e ordenación do turismo son escasas ou incluso inexistentes.

Pasada esta etapa inicial xurde a consolidación do destino e con el a APATÍA da poboación local. O turismo pasa a ser visto coma un fenómeno normal, unha parte máis da economía. O márketing dirixe as relacións entre residentes e visitantes, e as comunicacións vólvense máis formais e distantes.

A apatía da paso á IRRITACIÓN. Na terceira etapa aparecen os niveis de saturación no destino e os residentes retiran os seus apoios iniciais ó turismo. Non se atende ás persoas de fóra debidamente, e os espazos sensibles sofren unha evidente sobre explotación. Aínda así non se limita o crecemento, e dótanse infraestruturas coas que se trata de paliar estes danos e as súas posibles consecuencias.

E por último xurde o ANTAGONISMO. Nesta etapa a poboación residente presenta niveis altos de aversión ós turistas. A xente de fora é culpabilizada do aumento dos impostos, da delincuencia e incluso dos problemas cotiás. En definitiva, os turistas pasan a ser considerados causantes e portadores de tódolos problemas sociais xerados na zona de destino. Ó mesmo tempo, a promoción aumenta para tratar de compensar o deterioro da reputación do destino. E aparecen as accións de planificación, que son, evidentemente, de recuperación.

Modelos como este de Doxey, permítennos afirmar que, os sentimentos “xeneralizados” de odio ou desprezo da poboación residente ante os turistas, de existiren, son resultado dun crecemento turístico, que se alongou no tempo baixo unha planificación mala ou inexistente.

Pero, se de buscar culpables se tratase, habería que matizar que a responsabilidade non é exclusiva. A responsabilidade está compartida entre as autoridades, o empresariado, os turistas e a poboación residente. Cada un na súa medida e ámbito de acción.

O interesante sería que o debate do momento, en torno á turismofobia, nos servise para algo positivo na Costa da Morte. E ese algo positivo podería ser a análise obxectiva dos erros que se cometeron e cometen nos lugares que a sofren. Aprender deses erros e non repetilos sería unha boa maneira de crear relacións acertadas entre os que vivimos aquí e os que nos visitan.

E para afrontar con éxito a etapa na que estamos, e evitar problemas futuros, nada mellor que tomar algunhas medidas. Regular o fluxo de visitantes en determinadas zonas. Introducir un proceso participativo de planificación do destino. E levar a cabo accións de concienciación a tódolos niveis. Estas son tres accións de base que se necesitan aquí, e neste momento. Porque o turismo, se está ben planificado, suma máis do que resta. Está comprobado.

 

Artigos de María José Mato

Artigos relacionados

comentarios