Luns. 13.07.2020
El tiempo
Mario Maceiras
09:00
16/01/13

Fusión de Concellos e Comarcalización (II): O tiraliñas africano

Fusión de Concellos e Comarcalización (II): O tiraliñas africano

Unha nova proposta de reordenación territorial municipal está a levantar moitas ampolas na rede. É obra do estudante da UDC Leandro Regueiro Iglesias, premiado en numerosas ocasións pola súa contribución ás TICs en galego, e sen pretender desmerecer en absoluto o seu traballo, si debemos deternos en analisar determinadas cuestións.

Mapa da fusións de Concellos proposto por Leandro Regueiro

Hai un ano que escribín en Quepasanacosta sobre este tema que cada certo tempo volve á palestra, ao son do máis recente rescate bursátil ou da última biblioteca pública sen fondos para o seu funcionamento. Mesmo se tentou desde a Xunta filmar un episodio piloto da longametraxe que nos parece querer preparar no resto do territorio, a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras. O desenlace, porén, non foi o esperado pola Xunta, pese a tratarse de dous concellos gobernados con folgadas maiorías absolutas do mesmo partido. A cidadanía á hora da verdade non entende de irmanamentos partidarios, e como era lóxico nunha operación de imaxe tan improvisada e inconsciente, rebotouse.

Agora este alumno, de seguro sen mala intención, atreveuse a poñer no escaparate unha proposta integral, redebuxando ao seu antollo todas e cada unha das liñas virtuais que separan concellos e comarcas de Galiza. A proposta de Regueiro consiste nunha Galiza de 142 concellos con máis de 7.500 habitantes, segundo di, onde os criterios a seguir son os da poboación, vías de comunicación ou superficie mínima e máxima. Moito me temo que unha vez máis caemos na clásica visión territorial de "despacho" que se leva denunciando toda a vida, que xa vimos aplicar torticeiramente en cuestión de espazos naturais, comarcalización, infraestruturas, política agrogandeira, etc., causa de moitos males e mesmo mortes no rural.

Sen querer afondar demasiado, nin tampouco facer sangue da inventiva do estudante, analisarei o caso concreto do entorno que mellor coñezo, o sur da Costa da Morte. No breve tempo que levo de secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, tiven moitas ocasións de consultar mapas e documentación antiga, fose por necesidade ou por devoción. Sen considerarme nin moito menos ningún erudito neste tema, si descubrín a grandes rascos cal foi a evolución da organización territorial neste recanto da miña comarca. Sexa ou non por iso, a proposta non pode deixarme máis frío. Non tanto pola cuestión localista que pode adiviñar o lector nun carnotán militante que vería o seu concello extinguido, senón porque de levarse a cabo suporía simplemente o golpe definitivo á nosa historia, ou se se quer expresar graficamente, a desfiguración dunha comarca absolutamente preciosa se a imaxinamos delimitada polas súas fronteiras naturais nos ríos Xallas, Tambre e no Océano Atlántico. Xa deixarei ao marxe aberracións coma pretender fender literalmente á metade espazos naturais coma o Monte Pindo. Por moito que o autor se esforce en xustificalo, algúns colegas xa o equiparan ao "tiraliñas" empregado para crear o mapa da África colonial.

Sen mirar atrás máis aló que os documentos dos que teño constancia, desde as lecturas dos autores latinos Plinio, Estrabón ou Ptolomeo, ata a relación de igrexas do abade Tructinio no 830 pasando polo Parrochiale Suevorum no século VI, e extendéndonos ata prácticamente a industrialización da pesca, parece claro que a área ao sur do río Xallas e ao norte do Tambre formou ao longo do tempo unha única realidade territorial, relixiosa, administrativa e incluso étnica (cando os pobos aínda se configuraban dese xeito).

Os Celtici Supertamarci que habitaban ao sur dos Nerios e ao norte dos Praestamarcos, deberon existir coa mesma idea de pobo que confluíu séculos despois e por primeira vez nunha forma de administración territorial primitiva pero relativamente similar a actual, o Comisso. Actualmente podería traducirse coma condado máis que na época parece referirse ao territorio administrativo que dependía dun mesmo castelo.

No ano 952, o rei de Galiza Ordoño III (denominado Rei de León pola historiografía española) donou a Sisnando II, bispo de Compostela, o "comitatum de Cornatum", máis ou menos no mesmo tempo en que se lle atribúe o mérito da fortificación da costa galega ante os asaltos marítimos con impoñentes castelos medievais coma o de San Xurxo, no Monte Pindo. Ese condado foi nomeado repetidamente en documentos posteriores para referirse a calquera asunto no territorio situado entre o río Tambre, o Xallas, o océano Atlántico e ata os actuais Outes e Brandomil polo interior, onde cobrou unha gran importancia a parroquia de Entins, que tamén da nome á comarca en ocasións. É dicir, o comisso de Carnota abranguía o territorio dos actuais concellos de Carnota, Muros, Mazaricos e Outes.

O que non suxire ningún documento que eu coñeza e que o territorio se configurou nunca doutro xeito, integrando nada máis alá de Noia, Ézaro ou Brandomil. Tampouco se me ocurre ningún xeito mellor para unha organización supramunicipal deste espazo que unha delimitación tan xeográficamente clara e concisa e tamén consecuente coa historia do noso pobo, aínda que nos retrotraiamos a tempos dos célticos supertamarcos. Si é certo que en tempos relativamente moi recentes, coa chegada da industria conserveira catalana e o cambio radical do noso modo de vida, determinadas poboacións portuarias foron gañando en poboación, prestixio e centralidade, ata convertérense en pequenas capitais de comarca.

O Comisso de Carnota, actualizado

Mapa Comisso de Carnota

Pero que pasa se debuxamos no papel esa ordenación territorial que parecian respectar os nosos antergos, delimitada polo correr bravo dos ríos Xallas e Tambre e polo violento azoute do Atlántico nas pedras do Ancoradoiro, hai moitos centos (tal vez miles) de anos? O resultado non pode deixarnos de sorprender. A hipotética unión de Carnota, Muros, Mazaricos e Outes, dos que só un deles sobrepasa os 7.500 veciños, deixaríanos un superconcello de 27.000 habitantes en 430 quilómetros cadrados (63 hab./km2). Por suposto, trataríase dun concello eminentemente rural (acaso nalgún tempo fomos ou desexamos ser outra cousa?), pero ao comparar cun referente cercano, resulta que compartiría a mesma entidade que Carballo. Tal vez os nosos antepasados non eran tan tontos como nos quixeron facer crer.

  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Novas relacionadas

Máis artigos en O Prouxiarado

Fonte

comentarios