Venres. 19.04.2024
El tiempo
Marisol Soneira
09:28
21/05/19

Pero... existen Eleccións Europeas na Costa da Morte?

eleccions-europeas-2019
eleccions-europeas-2019
Pero... existen Eleccións Europeas na Costa da Morte?

Neste período electoral interminable hai unhas eleccións que parece que non existen, salvo para os rapaces do IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto, na Costa da Morte. Son as eleccións ao Parlamento Europeo.

Parecera que nin nos vai nin nos ven. E coma se non tivese consecuencia nas nosas vidas o resultado electoral que vai a conformar a cámara lexislativa que abrangue un territorio que se estende dende o Mediterráneo ao Ártico, e dende o Atlántico ate o Próximo Oriente. 

E, sen embargo, a Costa da Morte está sementada se logotipos da Unión Europea. Dende as vías de comunicación que nos comunican co exterior ate un modesto restaurante financiado, a través de programas concretos, con impostos de daneses, alemáns, ou franceses.

Sen esquecer que, a día de hoxe, teñen moita mais influencia as decisión que se toman en Bruxelas sobre os nosos sectores primarios que as políticas da Xunta de Galicia ou do Estado: cotas e TAC,s de pesca, política agraria común, programas de desenvolvemento económico e social, etc, 

Na Costa da Morte téñense investido cuantiosísimos recursos, con financiamento europeo, en programas de desenvolvemento tales como os leader ou todo o paquete de accións postas en marcha polos grupos de acción costeira no noso territorio. 

Pero hai un aspecto ao que case non lle dedicamos nin un segundo do noso tempo: os tratados económicos con terceiros países xa non son competencia dos estados membros se non da propia Unión Europea. Iso ten unha importancia capital porque, segundo se materialicen, poden incidir significativamente sobre as nosas condicións de vida. E os tratados abranguen tódolos aspectos da nosa vida: pesca, importacións, exportacións, movementos de persoas bens e servicios, xusticia, seguridade, emprego, cultura, etc, etc.

O Modelo Social Europeo, o noso modelo de vida, foi sempre a envexa doutras sociedades e, aínda que hoxe está seriamente ameazado polo populismo egoísta e insolidario, segue a ser un faro nun mundo onde prima o “sálvese o que poida”. Protexelo, coidalo e preservalo é capital porque actúa en cascada sobre o conxunto das políticas que despois inciden na nosa vida cotián e, dende logo, non tódalas formacións políticas teñen estes principios como faro da súa acción política en Europa. 

Por iso non estaría de mais que, nesta campaña electoral sen fin, prestásemos un chisco de atención as propostas que os distintos partidos fan para representarnos en Europa porque, aínda que nos pareza que está moi lonxe, aféctanos grandemente na nosa vida cotián. E se non que llo pregunten aos nosos armadores e mariñeiros do cerco.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

 

Outros Artigos de Marisol Soneira

Comentarios