Martes. 21.05.2019
El tiempo
Marisol Soneira
11:37
13/03/19

Post 8M: Igualdade… segundo onde vivas e onde traballes

Post 8M: Igualdade… segundo onde vivas e onde traballes

Este 8 de marzo volveu a ser un éxito de participación dás mulleres españolas na reivindicación efectiva do que xa figura nas leis: Igualdade laboral, igualdade de salario polo mesmo traballo, igualdade de oportunidades sen que o xénero penalice, etc, etc, etc.

Pero, tamén nesta ocasión, tódalas mulleres son iguais... pero algunhas son máis iguais que outras. A ninguén se lle escapa que é moito mais fácil facer folga a unha funcionaria que a unha traballadora por conta allea que ten un contrato precario e a tempo parcial; sempre lle resultará máis doado a unha muller urbana participar nas mobilizacións que a unha do rural; sempre lle resultará menos gravoso, en termos sociais, participar de xeito activo nos actos e reivindicacións do 8 de marzo a unha muller sen cargas familiares que a outra que ten ao seu coidado a outras persoas.

O noso rural está sufrindo unha mingua demográfica sen precedentes na nosa historia recente, e unha das razóns é a fuxida das mulleres mozas dun espazo onde as carencias en servicios públicos, e a falta de oportunidades laborais axeitadas a súa formación e capacitación profesionais, son incompatibles coa calidade de vida de que dispoñen as mulleres urbanas.

A xornada laboral dunha muller que vive e traballa nunha explotación agraria, sobre todo si esta é unha granxa produtora de leite, comeza sobre as seis da mañá, terá que preparar aos fillos para embarcalos nun autobús que os trasladará a un centro educativo situado nun entorno alleo a súa realidade social e do que non retornan ate a noitiña. Si ten maiores convivindo na casa, que é o máis frecuente, atenderá as súas necesidades e, se son dependentes e/ou moi maiores, exercerá de xeriatra, sanitaria, coidadora, etc. Logo muxirá o rabaño para extraer o leite que é a súa fonte de ingresos principal para a economía da familia, operación que volverá a repetir 12 horas despois. Entre medias atenderá as labores da casa, coidará e alimentará a horta, aos animais de consumo diario da familia, participará en todas e cada unha das actividades agrarias que ao longo do día se desenvolven nunha explotación: ensilar, segar, sementar, podar, limpar cuadras, curar animais e persoas se fose necesario e un sen número de actividades entre as que se inclúen trámites administrativos, xestións varias diante das administracións, etc, etc.

Esta xornada remata tarde, moi tarde. E cando os seus fillos volven do colexio non atopan a muller de anuncio que venden a publicidade da Consellería do Medio Rural e outros organismos, sempre sorrinte e nunha campiña impoluta e sen mácula. Atopan a unha muller cansada fisicamente, en moitas ocasións manchadas e luxadas as súas roupas porque ven de atender un parto ou curar unha ferida, que non pode acudir a moitas das actividades dos seus fillos en fin de semana porque as vacas non saben de sábados nin de domingos…

Así que, todas as mulleres son iguais para defender a igualdade pero ás mulleres do rural cústalles moitísimo mais facela efectiva mentres o nivel de servicios non sexa equiparable entre unha muller da Coruña e unha muller de Brandomil (Zas), ou que as condicións laborais non penalicen a aquelas mulleres que son as que nos garanten a produción de alimentos sans e a prezos razoables para o conxunto da sociedade.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Novas do 8M

Outros Artigos de Marisol Soneira

comentarios