Lembrar
Podemos vivir sen ti, Paco. Mais non é doado. Dixo Emma. Con certeza. Tiñamos tantas cousas na cabeza. ti, Viki, eu, ela. Tano, a xente daquel grupo, o “Quadrante da Sombra”, que esmoreceu coa túa ausencia. Creo que ti eras o alento e a forza que nos unía. A túa voz e o teu alento xeneroso, libre de todo interés que non fora aquel amor que nos mantiña. Daquela entendimos ben. E os proxectos fluían xenerosos desde ti. Recordas, seica, como naceu a idea dunha rendez vous en Valarés, ou en Muxía, que mais tén, onde poesía e pintura e música e monólogos e performances habían brincar baixo os piñeiros, danzar sobre as brisas da Barra, pintar a luz no serán baixiño cando o día xa vai dado. E quen quixer dicer algo, quen tiver algo que nos contar, que lembrar, que cantar, estaba convidada a vir, se achegar, facer tribu. A luz, as cores dos lenzos, a música, a palabra.
No prólogo ao teu Ecaín (2016), deixei escrito que, desde a súa variedade temática, este libro ofrecía o esteiro dunha tradizón universal que ti, Paco, recollías na esencial brevidade dos teus poemas. O alento fundacional, o erotismo, a escrita e a orixe, eran ao meu parecer, os temas que expresabas mellor no poemario. A voz, a cadencia. a emoción de escribir os versos, a lectura dos poemas, a entrega e o compromiso.
E que dariamos por iluminar as páxinas do teu códice? (dicimos, nós, ela, as outras). E ti desandas camiños, alertas a nosa inconsciencia, petas nas nosas xanelas todas as noites. Mais agora non as podemos abrir.
Novas relacionadas
- Marzo 2020: Malpica rendeuse ante a máxia poética de Paco Souto coa presentación do libro-cd “Lugar de incendios”.
- Novembro 2017: Unha Crónica polo Centro Cívico "Paco Souto”.
- Abril 2017: Miro Villar: Paco Souto, in memoriam.
- 30-03-17: Falece Paco Souto mentras mariscaba en Razo.