As mulleres de Viki Rivadulla
Mañá soleada de febreiro, uns días en que a primavera quere chegar de vez, mais sen que nada mude na estancia de libros e música, luz entrando pola fiestra, a carón da cadeira achegada á xanela sentan as mulleres esculpidas ou pintadas por Viki Rivadulla e óllanme cos ollos de argazo e vagas de mar, a ollada líquida de horizontes enormes mans coas que tecen as redes, os panos dos días, redeiras senón da súa propia historia.
Unha muller de nácar ou feérica, no fondo do mar, sulagada como o pobo. Casas arremuiñadas darredor dunha capela no alto do monte, entre bosques de algas e peixes que nadan polos tellados. A muller leva no ventre un peixe que é como outro sexo, de franxas azuis e escamas. A cabeleira da muller ondea na auga, como as algas e os argazos. Contemplo o fermoso cadro de Viki, e pensó no absoluto protagonismo da muller na súa pintura.
"Mulleres Atlánticas" de Viki Rivadulla
Viki lévaas pintando toda a vida, esa vida de cada momento que é o presente. Co pincel na man, ante o lenzo, reflexiva, pensa en cabeleiras de muller adormadas de caramuxo, carlou, buguina. O cabelo das mulleres de Viki Rivadulla e o cabelo de Alfonsina Storni, a quen lle aniñaban no leito os cabaliños de mar. Esculpidas en pedra ou madeira, permanecen en silencio. Sentadas nos escainos, espreitan con ollos cansos de tempo e sal. As mulleres que Viki Rivadulla pinta ou esculpe son aquelas que coñecimos hai séculos, mulleres do mar, redeiras de escamas e salseiros, sentadas en silencio darredor de min, dos libros, dos cortinados, vestidas de pano negro, humildes roupas pegadas ao corpo como outra pel castigada polos invernos e o traballo de cada día.
As mans, enormes como raíces ou sachos, deformes e pétreas, tecen redes, marés, os panos dos días e a historia do clan, levan ao lombo as lúas e os partos, os sacos de argazo e as colleitas que sachan dobradas sobre a terra húmida e fértil que nutre o froito e a semente. Mulleres sen rosto, mulleres da terra, mulleres do mar, veñen doutro lugar e traen outra memoria. Oscuras, deformes, pintadas ou esculpidas en días anteriores, na súa ollada líquida de horizontes, nacidas do salmo e a canción, das voces que nomeaban un mundo todavía ignorado.
Esas mans pintounas tamén Prego de Oliver, mulleres sen rosto que levan ao lombo as lúas e os partos, os sacos de fariña e os froitos da terra. Son mulleres da terra, inmemoriais, obscuras, deformes, inmensamente fermosas, que moran na memoria de nós como se fosen pintadas ou esculpidas en días anteriores, cando o mundo non tiña nome. Eu creo que as mulleres de Viki son as "viudas dos vivos e dos mortos", arroupadas cos farrapos, nelas e nas súas confidencias está a parte máis sacrificada do mundo. Están tamén en Colmeiro, a muller labrega, peixeira, muller de mar e de terrón, como unha forza matricial que protagoniza a terra e a historia que escribe co seu traballo diario.
Artistas doutro tempo pintaron figuras femininas de pálidas meixelas, entre ascéticas e místicas. Como Corredoira. Mulleres fráxiles como cristal, como frías luces de vagalume onde a morte murmuraba o seu segredo, dixera atal Ánxel Fole. Eses trazos aparecen nun cadro como "Viúdas del mar" que trata de evocar o poema rosaliano "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos". Fracaso total. Corredoira, era alleo á visión dramática de Rosalía, e pinta unha muller idealizada, carente de expresividade. Mais as mulleres de Viki son as protagonistas da historia, as oprimidas, as que colleron a vida como unha fouce, as que fixeron xustiza coas súas mans ou coa pluma, as viúvas dos séculos e das terras sementadas, dos traballos do mar e dos naufraxos. E nas súas mans e nas súas olladas están os mapas do sofremento, os mapas da historia vivida
Muller escritora, muller libre, muller dona da súa sexualidade, exiliadas, periféricas, raras, disidentes, contrapunto coa masculinidade, di acertadísima Irene Pin, estas mulleres de Viki, que levan no seu cabelo aldeas mariñeiras sulagadas, elas tamén no fondo dun mar que as exila, medio natural e mítico á vez. Mulleres do nordés, de coñecemento, nas súas mans e nos seus ollos está un mundo que só podemos ollar se invertimos a ollada. bruxas, sabias, marxinais por ficaren no centro do mundo, sempre invisivilizadas, xamais invisivilizadas, libres e libertarias, feéricas, sexuais e oníricas, rendeeiras e totémicas, astrais e mundanas, xogan nas ondas, nove nove, marias soliñas dos seus mares, nos cuartos de seu. É preciso mudar o mundo, o pensamento e a percepción das cousas, para apreixar na súa inmensidade este mundo subversivo, feminino, empoderado, que crea e pinta Viki Rivadulla.
- Miguel A. Mato Fondo. Marzo, 2021.
A Galería Mulleres de Viki Rivadulla
- A pintora Lolita Díaz Baliño protagonista do febreiro da Galería Mulleres
- 10 anos no ronsel da Galería Mulleres:
Outros artigos de Viki Rivadulla
- 8M, conxuro polo empoderamento.
- Viki Rivadulla: "Bruxa fala do empoderamento feminino e a sororidade como ferramentas para loitar contra a violencia”.
- Moirame, o tesouro escondido da Costa da Morte.