Luns. 18.11.2019
El tiempo
Miro Villar
16:07
03/02/17

Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García

Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García

Imaxe do City of Agra tirada da páxina Camariñas. Ruta de los naufragios Imaxe do City of Agra tirada da páxina Camariñas. Ruta de los naufragios

O 3 de febreiro de 1897 produciuse no baixo Canesudo ou Negro, á entrada da enseada de Arou o naufraxio do barco inglés City of Agra, cando navegaba con carga xeral desde os portos de Glasgow e Liverpool con destino a Calcuta para mercar elefantes, tigres, rinocerontes, serpes e outros animais para os zoos londinenses. Da tripulación (capitán e 71 tripulantes ingleses e indios malabares) faleceron 29 persoas. Moitos mariñeiros da localidade próxima de Camelle recibiron da coroa inglesa unha medalla coa inscrición «For Gallantry and Humanity. 3 february 1897» polo heroico salvamento de moitos dos náufragos. A compañía de Salvamentos fixo doazón da campá do barco á igrexa do Espíritu Santo de Camelle e nela figura a inscrición «City of Agra». Cfr. Baña Heim [1980: 31 - 56]. E Campos Calvo-Sotelo [2002: 392 - 408], “El «City of Agra»: A la búsqueda de animales salvajes para el zoo de Londres”, que data o naufraxio un día antes, o 2 de febreiro de 1897, corrixe a cifra de vítimas, 33 mortos (9 europeos e 24 indios), sinala outra inscrición nas medallas «For Gallantry and Humanity. Regina Britanicum» e fala dunha semana de naufraxios en Arou e Camelle, pois uns días despois ían ao fondo o noruegués Standard e o inglés Daylight. E iso que nesta altura xa funcionaba o novo faro de Cabo Vilán, que substituía o vello aínda en funcionamento cando o anterior naufraxio do Serpent.

Por parte, escritor Rafael Lema, autor das máis completas e sólidas investigacións sobre os naufraxios na Costa da Morte, tamén lanzou a hipótese do posible achado do lugar do enterramento dos náufragos do mercante «City of Agra».

Alén destas referencias, cómpre lembrar como este suceso inspirou a poesía de Antón Zapata García (Laxe,1886 - Bos Aires, 1953), que tamén poetizara o naufraxio do Serpent..

O poema intitulado «O afogado do “City Agra”» non foi compilado no seu único libro, A Roseira da Soidade (1954, e non 1953 como se adoita dicir), un volume póstumo que Zapata non puido ollar polo seu falecemento semanas antes de que saíde do prelo, aínda que o epistolario demostra a súa participación até o máis mínimo detalle na edición.

O texto está recollido no apartado II.2.2. Poemas dispersos (publicados en revistas e xornais) da nosa Tese de Doutoramento A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo e aparecera no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, no1157, 30 de setembro de 1951, sendo un dos últimos poemas que publicou, coa dedicatoria:

«Para ALFREDO BALTAR, / pol-o outo amor que lle tén / ao Mar e ao Idioma Galegos». Aparece datado polo autor: «Bós Aires, Setembro de 1951».

«O afogado do “City Agra”» é un longo poema narrativo que narra outra historia dun naufraxio nun temporal, xa no primeiro verso di “Houbera mar de fondo a sete mares”. Polo título e polos versos sabemos que se trata do “City of Agra” (Agra é unha cidade da India, na que se atopa o mausoleo do Taj Mahal, naquela altura aínda era colonia inglesa), mercante británico que embarrancou nos baixos de Camelle, cando o pai do autor era carabineiro. Ben sabido é que o naufraxio foi un suceso verídico, polo que tamén debe ser certo que o poeta debeu acompañar a seu pai na procura do cadáver dun afogado deste barco que deixaran “uns pescos de Fisterra” ao morrerlles a bordo por hipotermia despois de o rescatar do mar. Quedou esquecido en Laxe, como sinala o poema na derradeira estrofa.

O AFOGADO DO “CITY AGRA”

(I)

Houbera mar de fondo a sete mares con forte nordesía, espenuxado, pois derrubóu valados e petriles e ás lanchas fixo anacos.

Nos baixos de Camelle, o “City Agra” —un trasatrán ingrés embretemado—, atopara unha foxa verdenegra, no fondo, antre os algazos.

Fuxiran, dende a vaga, catro días, e inda couceaba o mar, rebranquexando coma se lle ferveran sulfataras ou escumas do Facho…

Non se vían pandorcas nin pardelas, aros, piras, petreles nin mascatos… ¡Tan soio os corvoransos e gaivotas berraban seus presagos!…

(II)

Do posto dos gardiáns carabiñeiros meu pai tiña o comando, anque soio sortéabanse por regra, de nuite, no despacho:

Poucas vesces as praias de Soesto, de Traba e Laxe, ollaron as parellas dos máusers e capotes, e os ros, avesullando…

Soiamentes, nas noites moi sereas Do meiguicento vrao, rebrilaban as bocas dos fusiles cal vagalumes tráxicos…

Con temporal, a costa defendíase c’os tombos, a poutazos, contra quen pretendera algún alixo, seu vixilar bulrando…

(III)

—Vas vir comigo, deica ao Preguntoiro que hai un home afogado— eisí, nomáis, moi séreo, meu pai díxome, meus ollos fixo ollando…

—Antre o Carreiro e a posta devandita, arrentes d-un valado —engadía meu pai, medindo as verbas—, paresce que o deixaron uns pescos de Fisterra, que correron o temporal do sábado deica a Malpica, e, dempóis, de volta, recolleron o náufrago;

mais, axiña, morréuselles abordo por non poder quental-o: ¡non tiñan cobertores, pan, nin lume, nin un pouco de caldo!…

Esta mañán, cando ía abril-a porta, alcontréi ises datos, moi mal escritos, n-un papel d-estraza que puxeron por baixo…

Haste de vir comigo —repetía— moi logo hemos topal-o, porque é preto o lugar, que ben coñeces, e son sinxels os datos…

E alá fomos os dous, falando d-el-o, aluburando o paso pol-o camiño estreito d-unhas hortas que dinlle: “Agra de Abaixo”.

(IV)

Sóbor das hirtas pedras do sendeiro que bordexa ao peirao, de súpeto, atopámol-o difunto de azues ollos cándidos,

que, quizabes, tal ves, ficaban ríxidos por mor de algún espanto, ou a espera do ausilio miragroso de deuses iñorados…

Vestía pantalón azul mariño; era roxo, penllado; tiña posto o chaleque salvavidas, e os pés tiña descalzos.

Uns fondos arrabuños nas meixelas —¡parescían sangrando!—, relembraban ás unllas dos canouros, os cans do mar alarbios…

—¡Probe mozo!— ollándoo, tristemente, meu pai dixo, moi baixo, namentres que a congoxa me afogaba e os ollos se mollaron…

Despóis… despóis… a procisión das xentes do rexo porto artábrico: Todo o povo pasóu a ollal-o morto… houbo choros… salaios…

(V)

N-un alpendre, dadentro de unha cerca —¡eu vin-o, meu coitado!—, os médicos da vila, o probe corpo lle abriron, xa abüado…

Como tiña tatuaxe tod-ó peito e, no médeo, un triángolo, non quixo darlle o crego cristián terra… ¡e n-un horto enterráron-o!…

Do CONSULADO ingrés xamáis se soubo que algún viñese a ollal-o… ¡Probiños, os coitados mariñeiros!… ¡¡¡—Probes, os afogados!!!… //

(Imaxe tirada da páxina Camariñas. Ruta de los naufragios)

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

comentarios