Martes. 12.11.2019
El tiempo
Miro Villar
10:31
30/08/19

Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira

Corcón-Vagabundos
Corcón-Vagabundos
Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira

Xosé Henrique Rivadulla Corcón, muxián de corazón e de devoción, malia que foi nado no Monte Alto da cidade coruñesa en 1962, adoita ser identificado polo seu continuado traballo no audiovisual, nomeadamente pola súa presenza física, mais tamén como director e guionista, dos programas «Naufraxios», «Ribeiras de salitre» ou «Pescadores de historias», que teñen como elo común o mar.

Porén, Corcón posúe tamén unha dilatada traxectoria literaria como poeta, narrador e dramaturgo e en calquera deses xéneros o mar fai parte fundamental da súa obra. Non hai máis que lembrar os seus títulos poéticos: Taberna á deriva (2002), O adeus do vello mariñeiro (2007), Camiño ao mar (2010); narrativos: Do mar e a noite (2001), Moraime, pequena vila con mar (2015) e teatrais: ¡Furga, carabela! (2002), Praia na noite (2002) ou Salitre (2005), e esa presenza mariñeira esténdese ao resto da súa obra aínda que non haxa nos títulos terminoloxía mareira.

A pequena editora coruñesa, en catálogo, mais enorme en calidade estética, figurandorecuerdo(s) Edicións, que toma o seu nome dun texto do artista plástico e escritor Luís Seoane, e inaugurando a "Coleçom Maruja" en homenaxe a María Elvira Fernández López, Maruja Seoane, vén de publicar un delicioso libro de relatos, de a penas 54 páxinas, intitulado Vagabundos, solitarios e sentimentais, no que a colectánea de quince contos de Corcón vai acompañada polas magníficas e suxestivas ilustracións da man do poeta e pintor Correa Corredoira. Como sinala o propio Corcón na contracapa do libros son historias "que falan das vidas de homes e mulleres que responden ás definicións do título, pero que realmente tratan de falar, e sacar á luz, a poesía que hai nas vidas deses homes e mulleres, como nas vidas de calquera de nós".

Corcón-Vagabundos2

Os relatos breves foron escritos como unha colaboración radiofónica, mais agora recupéranse na súa forma máis literaria. Os máis deles desenvólvense nun espazo xeográfico concreto: a vila de Muxía e os seus arredores. E os personaxes abalan, nunca mellor dito, entre a ficción e a realidade.

"O segredo do vello mariñeiro" vaise desvelar, nós non o faremos, no santuario da Nosa Señora da Barca; "Lola na praia do Coído", que lembra unha tradición familiar, e "O soñador" que regresa a Muxía teñen en común seren escritos despois de que o ghalipote enchese as costas muxiás de negrura; sabemos das cavilacións da muller dunha casa onde todas as xeracións foron ao mar en "A avoa"; da narración oral que atesoura "O mariñeiro que contaba contos" e que se enrola nun barco nomeado "Buserana" (homenaxe á lenda desta furna que tamén inspirou un conto de Gonzalo López Abente), e que patroneaba "O Piloto" (alcume muxián). 

Mais tamén noutros lugares costeiros próximos, porque o conto "Os bonecos de madeira" lévanos até a pequena aldea de Nemiña, onde tamén transcorre "A gaita mariña de Miguel Barrientos" que ha rematar pendurada na taberna do Saburil e non diremos a razón. E "Lope, o can de Touriñán" cóntanos porque ese palleiro que tiña de seu os ollos tristes faise querer por un alemán que viña facendo o Camiño de Santiago en bicicleta.

Outros acontecen en espazos costeiros non tan próximos como "Xuntos por sempre en Malpica", un conto no que tamén sae a relocir a lembranza dos mariñeiros malpicáns que chegaron no pasado até o Chimbote do Perú, mentres que "O mariñeiro que entoaba tangos" relata a emigración dun mariñeiro a Bos Aires e o que lle aconteceu no seu retorno e "O mascarón de proa" as peripecias sucedidas en augas de Terranova ao barco bacallaeiro "Praia de Cuño" con patrón de Camelle.

Tamén os hai sen que sexa evidente ese marco xeográfico da Costa da Morte como sucede nos contos "O teatreiro solitario", "O taberneiro que agarda", "Martiño", de quen descubriremos porque quería que lle debuxasen a cola dunha serea, ou "María de Conxo", coa doenza mental como alicerce. Personaxes todos eles ben singulares.

Quince relatos breves ou contos, con certo misterio no desenvolvemento e con desenlaces sorprendentes na maioría dos casos, que son fragmentos de historias vividas ou imaxinadas. E escritas con moita axilidade, pois naceron para seren contadas nas ondas radiofónicas, aínda que agora poidamos facer unha pausa para gozar do ritmo e do significado das palabras de Corcón e abrirmos os ollos ás ilustracións de Correa Corredoira.

E tampouco debemos esquecer, ao decidirmos mercar o libro, que figurandorecuerdo(s) Edicións sinala na súa páxina de presentación que "é unha editorial sen ánimo de lucro, coa venda dos seus libros publica outros novos. Non recibe ningún tipo de axuda económica nin subvencións". Un valor engadido.

Corcón-Vagabundos1

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

comentarios