Luns. 09.12.2019
El tiempo
Miro Villar
12:37
12/07/18

O embarrancamento do Prestige na novela xuvenil "O senhor Péssimo é o Máximo", de João Manuel Ribeiro

O embarrancamento do Prestige na novela xuvenil "O senhor Péssimo é o Máximo", de João Manuel Ribeiro
Senhor Pessimo Libro de Jose Manuel Ribeiro sobre o Prestige Primeira edición (2012) en Trinta por Uma Linha

João Manuel Ribeiro (1968) é poeta, narrador, editor e investigador, alén de Doutor en Ciências da Educação pola Universidade de Coimbra co traballo A Poesia na Escola – Resposta ao texto poético e organização do ensino e de posuír un Mestrado en literatura infanto-xuvenil pola Universitat Autònoma de Barcelona. Porén, o que máis nos interesa a nós é que se trata dun dos autores máis prolíficos da literatura portuguesa para crianzas e para a mocidade, con máis de medio cento de títulos publicados de Literatura Infantil e Xuvenil, repartidos entre a poesía e a narrativa.

Un deses libros acontece na costa galega, talvez na Costa da Morte, aínda que de maneira imprecisa como logo explicaremos. Trátase da noveliña xuvenil O senhor Péssimo é o Máximo, publicada nunha primeira edición en 2012 por Trinta por Uma Linha (https://www.trintaporumalinha.com/), con ilustracións de Anabela Dias. Con posterioridade foi «Livro recomendado pelo Plano Nacional de Leitura (PNL) para o 6º ano de escolaridade, destinado a leitura autónoma». Esta recomendación favoreceu a súa segunda edición en 2016 na mesma editorial, mais desta volta con capa e ilustracións de Bolota. Foi a edición que nós mercamos e puidemos ler, porén existe unha versión en galego O señor Pésimo é o Máximo (Hércules Ediciones, 2017) en adaptación da escritora e tradutora Ánxela Gracián, e outra en castelán do mesmo selo editorial.

«Eu estava longe de imaginar que a Galiza seria o destino de alguns dias de descanso outonal». A voz narrativa en primeira persoa dun rapaz conta como a súa familia (seu pai, súa nai e súa irmá pequena) vén gozar dunha breve estadía de lecer na nosa costa no outono de 2002 e relata como os acontecementos vividos nesa semana propiciaron a súa progresiva concienciación ecolóxica.

«As notícias davam conta do rombo de um dos tanques de um tal Prestige, um navio de casco único, com um quarto de século de viagens pelo mar, quase sempre carregado de fuel-oilAsí pois, as primeiras páxinas relatan o afundimento do Prestige e como o buque partira en dous, a uns 250 km da costa, provocando unha inmensa marea negra de chapapote que chegou tamén á praia «El Rial». João Manuel Ribeiro deturpa o topónimo, tería que ser O Rial, e deslocaliza a acción, pois que nós saibamos non hai ningunha praia con ese nome na Costa da Morte. A máis achegada con esa denominación está en Porto do Son, mais os protagonistas están aloxados nun pequeno hotel tamén chamado «El Rial» que na costa só localizamos en Vilagarcía da Arousa.

Non se cita o topónimo de ningunha vila, mais os dous primeiros capítulos transcorren nese lugar impreciso da costa: «A maré negra tinha-se entremeado nas nossas vacaciones e exilado os nossos dias ao trabalho de limpeza das praias». Este labor fixo reconsiderar a actitude de toda a familia con respecto ao medio ambiente e no regreso á casa seu pai, de nome Péssimo, promove novas accións de compromiso ecoloxista que xa non imos adiantar.

Naceu así unha família de «eco-guerreiros» e de feito a partir deste libro, a editora Trinta por Uma Linha e o autor João Manuel Ribeiro artellaron un concurso literario para o alumnado do 1.º e 2.º  baixo o epígrafe «O Clube dos Eco-Guerreiros», cuxos textos premiados se inclúen nun apéndice da 2º edición portuguesa.

Na miña opinión, malia o seu interese para nós por literaturizar mais unha vez o desastre do embarrancamento do Prestige, o relato abusa demasiado dos consellos pedagóxicos e non mantén o ritmo narrativo, aínda que sexa unha lectura recomendable, quer na versión galega ou quer na versión orixinal.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

 

Novas relacionadas

Fonte

comentarios