Venres. 05.06.2020
El tiempo
Miro Villar
09:32
25/04/17

«O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

«O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón
Xervasio Paz Leston Xervasio Paz Lestón

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, na parroquia de Moraime (Muxía), o 23 de outubro de 1898, no seo dunha familia de labregos (os Xalleiros). Foi á escola que nas Casas Novas tiña Martín Liñeiro, un emigrado que lle ensinou os versos de Curros Enríquez. Con 12 anos emigrou á Arxentina, onde traballou no almacén que seu pai e seus irmáns máis vellos tiñan en Bos Aires. Nesta cidade casou en 1928, con María Sara Narbaiz, da que tivo un fillo, Juan Gervasio Paz Narbaiz (quen nos facilitou a maioría dos seus poemas, algúns deles manuscritos e mecanoscritos). Fóra dunha moi breve estadía de oito meses en Galicia, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, non voltaría á Terra, aínda que nunca a esqueceu e así nolo testemuñan os seus versos. Paz Lestón morreu na capital arxentina o 23 de outubro de 1977, o mesmo día que facía os 79 anos.

Participou nas organizacións de emigrantes que daquela existían. Primeiro, e desde 1928, foi un destacado colaborador da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, na que ocuparía diferentes cargos, chegando a dirixir o seu Boletín. Nesta revista publicou poemas e artigos de opinión, quer asinados co seu nome, quer cos pseudónimos Xalleiro (alcume familiar), Alma Nobre ou Buserán. A entidade muxiana nacera como unha escisión da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión (coñecida como ABC) e ambas mantiveron duros enfrontamentos. Paz Lestón foi dos que máis defenderían a fusión, feito que acontece en 1938, cando a entidade muxiana aproba integrarse na ABC. Nesta chegará a ser director do seu voceiro, a revista Alborada, ao morrer Antonio Díaz Novo en 1944, e ocupa o cargo ata 1966. Nela publicou a maioría da súa obra poética, asinando co seu nome ou cos pseudónimos Xulián de Moraime, Labrego Profundador, Bieito e Xallas, Pau de Ferro, Buserán, Gundariño, Masuno, Nerio ou Roxo de Porcar.

Non publicou ningLibro de Miro Villar sobre a Poesia de Xervasio Paz Lestonún libro, pero na obra A poesía de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo (Edicións do Castro, 1998) exhumei un corpus importante de poemas: 183 en galego (130 publicados e 53 inéditos) e 60 en castelán (35 publicados e 15 inéditos). A maioría apareceron en Alborada, outros en A Nosa Terra (Exilio, Bos Aires), Galicia (Bos Aires), Correo de Galicia (Bos Aires) ou no Boletín (voceiro da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, Bos Aires), e algún foi reproducido en Vida Gallega (Vigo). O primeiro que puidemos datar é de xaneiro de 1924 e o último de agosto de 1972.

No seu rexistro poético abrangue moitos temas, como a liña civil ou social, o amor e o intimismo ou unha certa angustia existencial, mais tamén o tema costumista, evocando festas, romarías ou labores típicos da Galiza labrega e mariñeira da súa infancia. Sobre o desaparecido pino de Corcubión, que xa cantara Gonzalo López Abente, escribiu dous poemas: «Pino de Corcubión», publicado na revista Alborada, nº 123, xaneiro a marzo de 1944, e asinado co pseudónimo Bieito de Xallas. E outtro, escrito seis anos despois, intitulado «Ao Pino de Corcubión (Elexía)», do que existe un mecanoscrito, mais non temos constancia de que fose publicado, aínda que é posible que o fose, dada a fragmentación das coleccións de moitas revistas da emigración. Velaquí ambos e dous poemas:

Pino de Corcubión (Especial para Alborada)

Pino de Corcubión, vello, murcho, desgallado, que n-o esprito d-o emigrado provocas doce emoción; ¡conque ansias d-o corazón quixera verte outra vez antes que a triste vellez deixe seus osos galdados!... ¡Como despertas amados recordos da ida nenez...!

Moitos feros temporales deixaron n-o teu ramaxe *do seu encono salvaxe mil destruitoras siñales; mais si as furias infernales desatan os elementos que arrincan tristes lamentos de todo canto ten vida, ti, coa nobre testa erguida, soportas teus sofrimentos.

Símbolo do chan gallego, cal él es forte e sofrido; medras en lugar despido igual que en horta de crego; non buscas vivir de achego coma cen prantas vizosas, sinon en terras pedrosas da montana ou veiramar donde os ventos fan soar tuas froumas rumorosas...           

Pino de Corcubión, embrema santo e querido para os fillos do partido que aman nosa institución; ¡con feliz ouservación te souperon adoitar! ¿quén mellor pode evocar o noso chan pelegrino que a visión d-un forte pino

ergueito n-a veiramar?

Ao Pino de Corcubión (Elexía)

______

Pino de Corcubión que cantei xa fai seis anos sin soñar que nos arcanos a impía morte, a traición, te asexaba o corazón con asesiño machado: pra o comarcán emigrado que venera o chan galego sexa aldeán ou vilego teu nome será sagrado.

______          

Probe letra a do cantar que o direitor de "Alborada" leeu sin vel-a imprentada, pois quixo a Parca segar tamén sua vida eixemprar, a traición e de repente; cantar que lle trouxo â mente cô teu recordo evocado un ido mundo chorado con tristes ollos de ausente.

______          

Coma si un presentimento fadal algo lle anunciara, había unha pena rara na emoción do seu acento, que enloitaba seu contento cada vez que se falaba de que algún mortal voltaba a vel-o chan recordado, hoxe opreso i aldraxado ¡e que él ver libre soñaba!...

         

Vello pino, xa caído coma o nobre irmán Antón: na A.B.C. de Corcubión serás o emblema escollido sempre amado e benquerido de todo bo comarcán, con Díaz Novo, un paisán que â tua soma xogou e na A.B.C. traballou con costancia de azacán.

______

Vos morrestes, mais quedaron pintadas vosas figuras simbolizando as máis puras esencias dos que forxaron a institución que soñaron, poñendo esforzo e pasión: ¡florilexio de emoción que as nosas almas perfuma; farola que nos aluma

as somas do corazón!

 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

comentarios