Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Nando Lestón
20:40
14/05/23

Salve Carnota

Salve Carnota

Quería comenzar hoxe dándolle a noraboa á compañeira de opinión Antía Sacedón, polo seu artigo sobre os eólicos e dicirlle, de paso, que comparto todo o seu relato. Se me permite, eu, de xeito máis vehemente en próximos artigos, farei o propio, porque todo o que se fale neste sentido, será pouco.

Pero hai que seguir ladrando á xente adormecida, que se está acostumando a que o Estado e empresas nos tutelen ata á hora de durmir, cantándonos unha nana que a uns dorme e a outros esperta.

Sra. Rivera, Xunta de Galicia... nin é Transición nin é Ecolóxico e do reto Demográfico xa falaremos outro día.

Mentras tanto hoxe sembrarei a páxina cun alegato dirixido ao meu Concello (tómome esa licencia), para degustar o que para mín significa a sinxela beleza do meu territorio. Ailovai.

ALEGATO-SALVE

Subxace na memoria colectiva do Concello de Carnota un Territorio de transición que amarra as Rías Altas cas Rías Baixas.

É Carnota, ao mesmo tempo, a mansa Porta de entrada á singular Costa da Morte, irmá da Bretaña, de Escocia e de Irlanda; de xentes Bravas coma a paisaxe dos montes e do mar, que por alí habitan. Pero son tamén, as xentes de Carnota, xentes hospitalarias,t raballadoras e en intres de dificultade, grandes heroes coñecidos pero que o paso do tempo e a mesma historia, deixan de lado, como se eses acontecementos singulares nunca existiran.

Mais nós sabemos que sí… e alí estiveron… salvando… náufragos do Ariete.

Son as de Carnota xentes simples, nun mundo simple que nos complica a vida por momentos, que nos atafega ata non ver, nin ser donos do noso futuro. Son os de Carnota pastores do seu territorio, limpo e ordenado; traballado ata volvelo manso, ata acadar domesticalo coma can asilvestrado.

Son as xentes de Carnota, mariñeiros e campesinos carnotáns que invertiron, coma noutros lugares, o peto para dar estudo a fillos que hoxe non están.

Nembargantes, hoxe en día, nin heroes, nin mariñeiros, nin campesinos.

Os Montes volven ser paraxes asilvestrados que nin o mesmo xabarín respecta; os camiños, as kilométricas paredes de pedra, arquitectura montuna tapada pola ausencia de ilusión, da tristura de sendeiros sen cantareas nin amores furtivos co sacho como compañeiro. SALVE.

SALVE Carnota, que transita dende os Altos do Monte Pindo ata a mesma beira, atallando polas Xunqueiras, montando polos motroncos e enterrándose no mar, Cordilleira mergullada, ata erguerse, de novo, presumindo de faro, na Punta Ínsua.

SALVE Carnota, que posue a Fouce Branca de máis de sete légoas, preñada de area, de montes de area que luitan cada inverno por voltar ó mar,de onde viñeron.

SALVE os invernos e temporais que lle deron forma de arco apuntando ás Américas, lavando, limpando as negruras humanas.

SALVE a Punta dos Remedios e a Punta de Caldebarcos, separados por un brazo de mar que nunca deixará que se xunten.

SALVE este mar de verán, de turquesas frías do Nordés, limas transparentes, azuis emocionais que dan ganas de levalos para casa, de poñelos na parede e contemplalos ata quedar sen ollos.

SALVE tamén o mar de inverno, marrón e violeta, tintado polo Arco da Vella cando asoman as raioliñas de sol e o ceo orballa bágoas grises, solapadas pola verdura húmeda dos Montes de San Mamede.

SALVE a fertilidade das nosas brañas, preñadas de bosque agochado, asolagado polos fangales que dan refuxo á seca pel do sapo enterrado.

SALVE ás Xunqueiras, fogar das garzas,das garcetas; agra aberta verde-castaño, gardería improvisada dos alevíns que nos alimentarán dentro dun ano ou dous, alí viven tranquilas as larvas do noso futuro.

Quen envexa a Praza de San Marcos cando temos a Berberecheira, camiño natural entre lugares; augas salobres que beben do Vadebois. SALVE.

SALVE a Boca do Riu, fogar das correntes do Tombo que falsean a verdade .SALVE ás almas acollidas no seu seo.

SALVE ás Pedras Mariñas, a humilde casa dos corvos mariños e a estrela de mar.

SALVE a arquitectura de pedra, posta unha a unha enriba dos outeiros, primeira casa dos mariñeiros, desembarco da fame ou da cheúra, amoblada de remos, nasas, tramallos e boias. Casetas amoreadas como pobiños dentro de pobos, alumiadas por tragaluces, ventanucos atrancados por contras cheas de fendas,que airean o íntimo e deixan visible o pó levitando no aire atrapado.

SALVE as negras terras, que incuban a semente da fartura, das vacas,porcos e galiñas arrebatados do noso seo.

SALVE cabaseiras, laicas e cristianas, de sete pés os ricos de catro capas os probes.

SALVE os muíños de auga, de nuites e amores enfariñados. A auga trocada en blanca fariña para empanadas de millo e o pan de cada día.

SALVE os rius, que nos lavan, que alumían as nuites sementadas de escuro. Salve cada ponte e pontella de pedra que nos fai irmáns no outro lado.

SALVE a Laxa da Moa, Monte Pindo, Olimpo Celta, Pedregal espido; Bico do Santo, ó seu carón humilde medras.

SALVE a todo, o que temos e o pouco que nos queda.

SALVE a Nós mesmos, a esta confusión de estar no purgatorio da vida, sen máis pecado que ser de Carnota, e non de Chicago.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.
 

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios