Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os polígonos eólicos: destrución intencionada dos espazos naturais da Costa da Morte

portada
Numerosos espazos naturais protexidos da Costa da Morte están ameazados pola imposición de eólicos. Antía Sacedón.
Os polígonos eólicos: destrución intencionada dos espazos naturais da Costa da Morte

A imposición de polígonos eólicos nos espazos naturais representa na actualidade unha das problemáticas máis importantes da Costa da Morte. Numerosos espazos naturais protexidos como os Penedos de Pasarela e Traba, a Lagoa de Traba, o Cabo Vilán ou Monte Neme, entre outros, están ou foron ameazados pola intención de instaurar na súa contorna unha gran cantidade de eólicos.

A pesar de ser considerada previamente unha enerxía limpa e renovable, son moi diversos os pensamentos acerca de dita afirmación. Por un lado, opinións como as de Xan Fernández, escritor e amante de Bergantiños, quen considera que a enerxía eólica é limpa e necesaria, destacando que o problema se atopa na inexistente planificación da actividade e na busca de beneficios propios por parte das empresas. “É unha enerxía limpa e necesaria. O que ocorre é que non hai un plan eólico que realmente respecte eses lugares emblemáticos tanto naturais como históricos. As empresas o que queren é poñer cantos máis mellor”, xustifica Xan. Por outro lado, opinións como as de Lola Rontano, ecoloxista afincada en Laxe, quen considera que a enerxía eólica xa non se debería clasificar como limpa. “Creo que xa non é unha enerxía limpa porque para abrir eses polígonos eólicos tes que modificar a paisaxe, abrir vías, asfaltar... E non esquezamos que ten un impacto sobre o medio natural virxe inicial que é irreversible”, explica.

 

Os polígonos eólicos da Costa da Morte

No ano 1991 inaugurouse en Camariñas o primeiro polígono eólico de Galicia, naquel momento considerado o maior xerador de enerxía eólica de España. Situado nin máis nin menos que no propio Cabo Vilán, estaba formado por un total de 22 eólicos. No ano 2016 foron substituídos os antigos por dous novos, cuxa potencia era superior en busca dun maior rendemento. Como se pode ver, o debate acerca da implantación de ditos polígonos en espazos naturais remóntase moito tempo atrás. Ata que punto temos como sociedade normalizada a intromisión destes viraventos na paisaxe natural?

xente e eólicos
Na baixada do Faro Vilán vense os eólicos en primeiro plano. Antía Sacedón.

Francisco Santiago López, naturalista de Corcubión, considera que chegamos a un punto no que xa o temos demasiado introducido no día a día. “Acórdome cando se instalou o primeiro eólico que era unha novidade para aquela época. Despois xa se comezaron a instalar en xeral e entón o impacto ía ser moito maior do que foi”, comenta. Posiblemente aquel primeiro eólico se tratase dun experimento sen investigación sobre o impacto que ía ter, pola contra, todos os que o proseguiron establecéronse coñecendo os impactos negativos. “Ao poñer o segundo parque, xa non só é que non respectaran os espazos, senón que un dos postes do eólico está enfronte xusto do faro. Cando vas pola estrada e queres ver o faro de lonxe, tes diante ese poste. Nin iso se respectou”, sinala Xan Fernández sobre a situación do Cabo Vilán, considerado espazo pai da Costa da Morte ao atoparse o Faro Vilán, o primeiro faro eléctrico de España.

“Ao poñer o segundo parque, xa non só é que non respectaran os espazos, senón que un dos postes do eólico está enfronte xusto do faro” – Xan Fernández

Por se fora pouco, a imposición non quedou aí. Grazas á presión social, no mes de marzo deste ano a Xunta de Galicia denegou os proxectos do Polígono Eólico de Soesto e do Monte Chan, debido a ámbalas dúas declaracións de impacto ambiental negativas (DIA). O Polígono Eólico de Soesto ameazaba o espazo protexido dos Penedos de Pasarela e Traba. Os eólicos buscábase que se situaran a menos de 200 metros da Zona de Especial Conservación (ZEC) e a uns 600 metros da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Por outro lado, no polígono Monte Chan, o cal tamén afectaba aos Penedos de Pasarela e Traba, pretendíanse instalar 10 eólicos xusto enriba da Lagoa de Traba. A pesar das boas novas, hai que lamentar que outro proxecto segue en camiño, o coñecido como Pena dos Mouros, no cal se manexa a instalación de sete viraventos de máis de 200 metros de altura, entre Camelle e a Lagoa de Traba, os cales tamén afectarían aos Penedos.

mapa PPEE
Plano explicativo dos proxectos eólicos Monte Chan, Pena dos Mouros e Soesto. Cedida.

José Manuel Menéndez, presidente da Asociación Ambiental Senda Nova, considera que se debería ter a día de hoxe outro pensamento sobre ditos polígonos. “Con 4.000 eólicos enriba da mesa agora mesmo temos que ter unha reflexión diferente aos anos 90 e pouco cando se instalou o primeiro. O que se están instalando agora son viraventos de máis de 200 metros e a lexislación é a mesma. Hai que parar todos os proxectos de polígonos eólicos que están establecidos na nosa terra”, asegura. No relativo aos efectos que os polígonos anteriormente citados poderían ter sobre os espazos nos que se situarían, Lola ten claro o seu punto de vista. “A construción das estacións eólicas afectaría á fauna e a flora do lugar no sentido de que se abren pistas de acceso e se asfaltan, iso é contaminación para as augas que rodean os espazos. O impacto sobre a fauna está moi estudado, as aves impactan contra as aspas dos eólicos e morren”, argumenta.

pena dos mouros
Plano do proxecto eólico Pena dos Mouros, aínda non denegado pola Xunta de Galicia. Cedida.

“Con 4.000 eólicos enriba da mesa agora mesmo temos que ter unha reflexión diferente aos anos 90 e pouco cando se instalou o primeiro”- José Manuel Menéndez

Grazas á loita dos colectivos ecoloxistas actualmente estase intentando parar un polígono eólico que afecta ao Monte Neme, situado no límite entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. Nas súas alegacións, destácase que un dos viraventos sitúase a apenas 670 metros do lugar de Vernes e que o resto tería efectos na capela de Santa Cristina.  “Penso que o Monte Neme xa foi un monte bastante explotado no pasado coas minas e aínda quedan moitos restos desa actividade mineira. É un fraco favor o que se lle fai a ese espazo levantando un polígono eólico alí”, sentenza Lola Rontano.

“Penso que o Monte Neme xa foi un monte bastante explotado no pasado coas minas e aínda quedan moitos restos desa actividade mineira. É un fraco favor o que se lle fai a ese espazo levantando un polígono eólico alí”- Lola Rontano

A rendibilidade económica no lugar

A creación de beneficios económicos no espazo no que son instalados é un dos argumentos empregados polas autoridades para establecer unha visión positiva da enerxía eólica. Con todo, iso non é así. A realidade é que os polígonos eólicos apenas crean postos de traballo na Costa da Morte. “Eu diría que deixan algún beneficios para os concellos baixo a compensación ambiental, unha especie de canon que pagan as compañías eólicas aos concellos”, explica Lola Rontano. Sen dúbida, os beneficios para a zona son case inexistentes respecto aos efectos negativos.

cartel
Exemplo de cartaz difundido para a concienciación social. Cedido.

En busca de manter á sociedade informada sobre todo o que rodea ás enerxías renovables, naceu en 2006 a Asociación Ventonoso, unha entidade sen ánimo de lucro que ten o seu ámbito de actuación en Galicia. A súa función é a promoción das enerxías renovables, a conservación dos recursos naturais e do medio ambiente e a defensa dos intereses e dereitos das persoas propietarias de terreos afectados pola instalación de polígonos eólicos. “O que máis nos gusta é ir directamente ás parroquias. Preparamos unha charla e explicámoslle todo o proceso administrativo e o relativo á cuestión”, explica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso.

O avellentamento e o fenómeno da despoboación afectan na facilidade das empresas eólicas para obter as terras. A forma na que o levan a cabo é sinxela. “Empregan á administración, que é a que concede a utilidade pública. Se non hai acordo solicitan á utilidade pública e exprópiase”, afirma José Antonio Diéguez. Neste proceso destacan dúas frases míticas. En primeiro lugar: “Mire, vostede está afectado por isto, vai gañar moitos cartos”, para intentar convencelos. E logo xa lle din que se non aceptan iso vanllo expropiar, a ameaza sempre está aí. “Quen expropia é a Xunta de Galicia, que é quen ten capacidade de utilidade pública, as empresas só son as beneficiarias”, puntualiza.

“Quen expropia é a Xunta de Galicia, que é quen ten capacidade de utilidade pública, as empresas só son as beneficiarias” – José Antonio Diéguez

En canto á repercusión económica derivada da venta das terras, pódese aproximar que dos ingresos brutos que recibe un polígono eólico, aproximadamente, estáselles pagando aos veciños entorno a un 2% da produción. “Na Costa da Morte hai moitos anos que hai eólicos e ninguén se fixo rico co que cobra de renda. O que pasa é que si o propietario ten unha terra que considera improdutiva e se dá por satisfeito con eses cartos, pois ese é o problema que hai”, argumenta José Antonio. Para el, o que diferenza á Costa da Morte do resto de Galicia de cara ás empresas eólicas son as horas de vento, pois estas ven na nosa contorna unha oportunidade de maior produción e deciden explotala sen ter en conta as repercusións.

O destino Starlight

Un dos debates actuais é a certificación da Costa da Morte como destino “Starlight”. Dito nomeamento fai referencia a aqueles lugares que desfrutan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados. A Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) recibía con entusiasmo dita notificación mentres que numerosos ecoloxistas e asociacións tachan de “irracional” a denominación debido a imposición eólica actual. “Se ti queres un destino starlight, o máis importante é coidar o espazo porque se non, non se van ver as estrelas. Por exemplo, ao Monte Neme súbese todos os veráns en agosto. Se pos viraventos alí, as estrelas van quedar anuladas”, xustifica Xan Fernández. Baixo o punto de vista de Francisco Santiago, os empresarios de turismo deberían preocuparse máis por ter unha paisaxe moito máis conservada. “Eu non iría a facer turismo a un sitio ateigado de eólicos, por moita Costa da Morte que fose. Non me interesaría porque para iso vivo nunha cidade ou nun polígono”, argumenta Francisco.

“Eu non iría a facer turismo a un sitio ateigado de eólicos, por moita Costa da Morte que fose”- Francisco Santiago

O que queda claro é que a información e o manterse informados é a base para poder seguir vivindo en espazos naturais virxes e coidados. A loita social contra a implantación eólica é fundamental, como se pode observar nas paralizacións de polígonos eólicos, para reivindicar a importancia de rematar cos proxectos que vulneran os dereitos naturais. Debido a isto, como sociedade, é necesario entender que se queremos manter unha Costa da Morte caracterizada polos espazos naturais, os polígonos eólicos son, segundo os proxectos actuais, incompatibles co mantemento saudable. Así mesmo, como consecuencia, deberiamos loitar polo propio antes que centrarse en establecer certificacións turísticas que, por desgraza, nada teñen que ver coa realidade.

vimi
A paisaxe natural da Costa da Morte está sendo invadida polos eólicos. Antía Sacedón.

Reportaxes de Antía Sacedón

Comentarios