Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Nando Lestón
12:39
25/04/23

Ser pintor na Costa-Verdescente da Morte

Ser pintor na Costa-Verdescente da Morte

A pintura é unha expresión artística que trata das emocións. Non pintamos só o que vemos, senón tamén o que sentimos ao mirar. Pero a Arte entronca direitamente coa filosofía e polo tanto pensa e discute e busca a esencia da razón do Ser.

E cando, en contadas ocasións das ca esencia do Ser, o que fai é crear o pensamento artístico, que se traduce en desocultar as verdades ocultas, que son as que se sinten.

Érgome pola mañá e miro a nosa Praia. Azuis emocionais, marróns e turquesas, grises plateados, ás veces plomizos e verdes. Todo elo fundido cas luces estacionais.

Nunha ocasión, como exemplo, pedinlle a unha alumna adulta que me pintara con rotuladores, un mar co seu horizonte e o ceo. O resultado fui un ceo gris e o mesmo tono para o mar. Díxenlle pois que aquel día facía sol e ela retrucou que a pintara de memoria. Nada máis natural.

Na memoria dos emigrantes está a sua Terra, é decir, a súa paisaxe e a súa paisanax,e pois unha fixo á outra e a outra á unha.

Castelao pensaba que para os pintores mediterráneos era imposible pintar os montes galegos, pola enorme variedade de verdes; para Sorolla, nas súas propias palabras, era moi difícil, pois a nosa paisaxe está sempre en movemento, refírese á lus e por outra banda comentaba que cos verdes había que ter coidado, pois comenzabas a pintar o monte e podías acabar pintando leitugas. Así mesmo é.

Un bo pintor non pintará a superficie dun monte galego; do noso monte píntase a alma dos prados e a súa frescura. Remedio natural para o calor.

Decido pois virar a mirada do mar ó monte e vexo enfermidade. O monte galego, e concretamente a nosa unidade paisaxística propia da Costa da Morte, está adoecendo de respecto e coidados. Moita xente doulle as costas definitivamente. Unha árbore non vale nada se non se vende, unha rocha non vale nada se non é unha canteira e os paxaros trinan ca nosa falta de armonía. Esta é unha palabra interesante. Nos nosos montes non existe a armonía e nós vivimos de costas á nosa paisaxe ao noso territorio vital. Non vivimos del… deixamos que o exploten. Esa é a nosa relación co monte.

Mentras eu, chego á Coruña e os vagóns están ateigados de cadáveres de madeira que se suministran a “su excelencia la Urbe”, para que siga con esa práctica destrutiva e consumista que a define. O seu modelo perxudica.

Os montes, os seus verdes, foron substituidos polo monocromático e insulso alcolito, onde nada medra, onde todo seca. É un secarral.

O noso monte está perdido na idea industrializada que teñen os madeireiros para proveer a fame de viruta, mentres alí arriba a vida é escasa e os xabaríns, raposos e o cabalos, uns proscritos. Somos o reflexo do noso monte e o noso monte é o reflexo do noso estado mental, de abandono. Direitos a Conxo.

Viaxo á Coruña unha vez por semana. En coche familiar, combustionando… a frecuencia do bus resulta necesariamente patética e súmome no asfalto divagando como bo divagador que son.

En ausencia da Garda Civil miro pola ventanilla… así, botando olladas. Durante vinte anos transitei esa paisaxe interior por Santa Comba e por Cee. Te cuento.

VINIERON: ellos tenían la bíblia y nosotros teníamos la tierra. Y nos dijeron: “cierren los ojos y recen”. Y cuando abrimos los ojos,ellos tenían la tierra y nosotros teníamos la biblia. E Galeano.

Perdón. Debería saber antes a quen me dirixo. Quen anda por aí. Como dicía Castelao: ”tate caladiña que non sabemos o que nos mira”, ou algo así.

Pero o meu maestro é Larra así que, cun pouquiño de humor e sátira, construimos entre todas a verdade. A verdade des-oculta.

Unha fermosa paisaxe ano a ano arrasada, deconstruída ata o punto puro do sinistro… límpido de toda culpa; aliñada como un exército, varales sacrificados. Árbores nacidas para o consumo. Odio ter que vivir nesta época de plantacións e destrución do monte. Monte expoliado, ofendido e olvidado ca bula de todos os que se sentan a esta mesa. Uns máis que outros. Xestión de despacho.
Monte perro, maltratado e fatigado. Espido encorvado sen alento. Que che fan. Como che pinto, monte. Se foses Montaña serías muller.  

A Industria da madeira, coma calquera outra industria, volviuse unha depredadora de recursos… en definitiva, de recursos comúns e de todos, en tanto en canto a paisaxe é territorio que nos xunta, que nos achega… e os paxaros estarán conmigo. O territorio é global. Non só a estrada.

Pero o invento histórico, por outro lado, comprendido e hoxe por hoxe inservible, da propiedade privada dos montes, fainos entender que entender non interesa. Vivimos muito demais polo interese. Sodes xente interesada (isto vai para os interesados). Se non talades figos talades brevas, o que pidan.

Mudastes a paisaxe e o territorio ata volvelo oco e insignificante. As calvas das praderías nin se disimulan; traballades a ceo aberto deixando un trampantojo nas cunetas para os internautas da pasividade. Dos adormecidos, que son muitos a estas alturas.

Queimouse o bosque e eu coma un toliño pinteino de branco. Unha muller, Sagrario, pasaba por alí e díxome. - “Pero Nando, meu fillo, que fas”. - “Non tolear, Sagrario. A xente logo se acostumbra ao negro”.

Aos dous días viñeron as teles e as radios. Á semana seguinte viñeron dende Barcelona a facer unha reportaxe do “toliño” que pintaba os prados queimados. EIso vende nos informativos. Australia ardía polos catro costados.

A transformación por degradación dos nosos montes non fai falta que veña certificala “Grimpis” nin Adega. A batalla campal que se está librando no monte entre autóctono e eucaliptal supera con muito a batalla das Termópilas; e a triste nova que chega daquelas terras e que perden os Carballos e as Carballas. Non sei si me explico.

Que mentras vedes “Salvame”, aquí fóra pasa a vida. A que respiras e a que bebes. Nunca de seguir así o noso monte volverá a prosperar e os recursos de auga serán mui limitados. A vida outra vez. “Vida 0 - Sálvame 1”.

Así, por arte de maxía inocularon a palabriña “recursos naturais”, e aí cabe todo, unha falta de verdade e honestidade… a inmoralidade posta ao servicio da decadencia. MORDOR. O planeta está ligado ao noso proceder e nós procedemos apretando o acelerador do monocultivo e da motoserra.

 

A paisaxe-territorio é unha estrutura natural que nos comunica, pola que nos desprazamos.
Como pode ser tan fea, cando se volviu tan fea. Galicia é un mito e a Costa da Morte tres cuartos. Eramos Espartanos e agora somos esparto.

 

O uso dos montes está sendo depredador e irrespectuoso con todo o que alí vive ou pasta. Estase volvendo un lugar inhóspito e hostil para o común dos mortais. Non falo do monte turistificado coma O Pedregal (Monte Pindo) e outros que usamos a cotío para os nosos paseos.
Non amiga, sobreexplotamos os nosos montes sen deixar espazo para máis nada, somos o eucaliptal de europa e o monte comeza a ser un soporte discontinuo convertido nun secarral, que se non fose polo clima que temos, isto sería Petra…muita pedra.. pouca chicha .A pedra non se come. Pero dounos a vida. O progreso deixa demasiados cadáveres.

O monte. Factoria in-agotable de recursos que acaban en mans de extraños que non sinten a máis mínima compaixón. Só falan linguaxe montuno de hectáreas e cultivos. Produción e mantemento e control de áreas. Perímetros de seguridade e vaiais de acceso. E muito máis. O Monte desfigurado por xente descariñada que de algo temos que vivir todos, aínda que sexa como mercenarios e sicarios dun analfabeto poder que fai do planeta unha sangría e aquí estase cebando a base de ben. Territorio común de vida, desarticulado.

A presión inmobiliaria, a presión eólica, a presión da construción, a presión da madeira para derivados. A presión do Sistema.

Muita presión para un territorio que suministra como a perra do rei, lambéndolle a man e cronificando a miseria, a contemporáneos caciques que teñen a ben dar traballo. O traballo é destruir aquí, para engordar alí. No Amazonas igual.

Compran parcelas, non nos enganemos, aproveitando a calamidade económica desta comarca, para non ter que pedir permiso para as suas prantacións. Non hai bosque, non hai prados,non hai montes. Hai prantacións.

Galicia: 174.000 ha; Asturias: 60.000; Cantabria: 39.000; P.Vasco: 14.500… Xa vedes, somos os campións das olimpiadas montunas, gañamos por goleada ás outras tres xuntas. O premio será concedido por unha brillante e dilatada traxectoria, pero sen alfombra vermella.

Dende Cee ata Fisterra… ”que din os rumorosos na Costa Verdescente”. Pola ventanilla pasa Vimianzo e Baio cun estropicio vulgar, descariñado e sen futuro. Pasan os kms. E a monotonía semella o túnel de Guadarrama.

Bergantiños dase ca testa unha e outra vez. A vida é diversa pero Bergantiños non o sabe.

Hoxe collo a estrada da Montaña. Subo Louredo ,bosque autóctono e fresco hoxe convertido na fantasma do que fui. San Mamede semella unha ovella mudando a la e os eólicos fan as súas queimas controladas para regocixo do manto forestal e convertir o espacio en herbiña de pasto. Privado.

Toda a ladeira ateigada de alcolitos como se a paisaxe non existira, como se viviramos unha obra teatral e todo fora un escenario. De Carnota ata Lariño a masa forestal envíanos de volta a aquel animal que revolve e sembra. Aquel animal que limpa e come de todo. Aquel animal baixou e nós odiámolo, perseguímolo e matámolo. Así resolvemos os asuntos por estes lares. Xa estou nas Paxareiras e miro para atrás e todo ese verde non me engaña.

Aparecen os primeiros pastos de Santa Comba, unhas veces millo e outras forraxe, todo elo adobado con purín del fresquito… necesario pero excesivo. Non hai sombra… só sembra.

Xa por Coristanco a moral polo chan. Na autoestrada a paisaxe en primavera muda a amarelo colza… fermoso. Arrimádevos a Verdes e veredes o que matamos.

De volta baixo a facer ruta e vou a Corme, Camelle, Camariñas, Ponteceso, Malpica… con tanto eucaliptal confundo a paisaxe e xa non sei onde estou. Ah si…na Costa da Morte.

Arrasan aldeas que deixan sen sombra, sen nada que pare os ventos, sen ter paxaros cerca. A impúdica mensaxe do medo do lume… só levamos tratando con el 500.000 anos, poucos me parecen. Convertimos o lume en inimigo despois de domesticalo.

Somos algo porque somos lume, madeira e pedra. A madeira fixo o carro e fixo a chalana, roda e remo e dende aí fixémonos xente lista e sabia que hoxe tala todo o que se move e planta ramilletes para as bodas de Plata de quen contamina a Ría. Non me río.

O futuro da auga está en entredito e nós non cuidamos aquelo que a fai manar e a protexe.

Acaso non sentides vergonza allea ao mirar e ver o que vedes… ou non vedes o mesmo e eu estou realmente toliño. Acaso sexa un recado da Xunta ou un mandato Divino esta Crus; seguide votando a quen vos maltrata.

Se Deus existiu, o derradeiro día descansou aquí, e debería darnos vergonza destruir tanta beleza perfecta. Levades toda a vida ríndovos de ecoloxistas e xente afanada en velar polo cuidado de cada lugar, que fala do territorio con amor. 40 anos despois tiñan razón, sempre a tiveron… pero o rural estaba atomizado e acomplexado coma un pijo rabioso. Disputas tabernarias que quedaban polo camiño. Os homes sempre souberon que facer. Xa o vexo.

 

E para rematar volvo á pintura, a ese desocultar da verdade e a ese pensamento. Este podía ser un planeta feo e monotemático, pero é todo o contrario. Fermoso e variado en vidas e culturas pero tamén en persoas. E hai persoas que van ao seu, pero con nós dentro.

O tempo, na vida, como diría aquel, non é unha cuestión menor… é maior. Perdemos parte del lidiando cos pensamentos que constantemente nos abordan, que van e que veñen e así non é doado enfiar unha realidade consciente. Miramos e non vemos.

Pero hai un breve, escaso intre, que se da cando fas desaparecer toda esa cascada do maxín, que non fai outra cousa máis que estorbar. Ese lugar no que convirtes o tempo en “instante”.
Nese instante, cando a palla mental non estorba, cando os problemas de final de mes desaparecen, cando te paras e miras a pinga de auga como algo único e efímero, a lucidez fai acto de presencia e entón miras e por fin, ves; pero ves con alma, con sentir, con emoción… colle entón os pinceis e pinta, pinta a verdade, non a realidade, esa constrúela ti.

A codicia é como a trepa que hedra e non hai parede que se lle resista. A codicia derrumba a malos e contamina a os bos. Así que, nesto do monte, que queres? a realidade ou a verdade… píldora vermella ou azul. Un listón ou unha táboa custa máis que unha árbore. A canto che pagan o prado…

Cando argallei “Segunda Pel”, retirei despois da queima monumental vinte pinos. Descasquei, pelei, cortei por aquí e por acolá, pinteinos, protexinos e levámolos as ciudades. Cando a xente non vai o bosque, o bosque vai á xente. Así sea.

Gracias de corazón a todas e todos os imprescindibles, que traballan nos montes con outro modelo de vida e a aqueles que nos protexen dos lumes, por abandono ou ausencia, mentras a Xunta PePera leva regando con salitre Atlántica cada ferrado de manto montuno, por non gastar cartos, que non son seus, cargándolle o morto a mortos que xa non están.

Xa outro día, se queredes, falamos da vida ou de algo máis importante, iso si, na taberna… que é onde se arranxan os asuntos.

Mirador de Mouredo-Carnota-Recunchos da Costa
Exposición Segunda pel a ceo aberto de Nando Lestón no mirador de Louredo
  • Nando Lestón: artista, pintor e escultor que vive en Carnota.

Máis artigos de Nando Lestón en QPC

Comentarios