Cidadáns de segunda
Ultimamente veño pensando que a miña percepción sobre os cidadáns ingleses (que non británicos) mudou notoriamente dende que cheguei a este país. Paradoxicamente, a medida que progreso laboral e economicamente, coñezo máis persoas inglesas, e, a medida que coñezo máis ingleses, peor impresión me causan. Gustaríame matizar, non obstante, que aprecio tamén unha diferencia xeracional: os exquisitos modales e a xentileza que observo nos maiores de 50 anos disminúen en proporción á idade.
O que antes percibía como amor e defensa a ultranza da súa cultura e das súas costumes, agora paréceme unha pechazón absoluta e unha mostra de arrogancia. Non quixera dicir isto, pero véxome case que obrigada a facelo: á maioría dos ingleses, alomenos en Londres, non lles gustamos os estranxeiros. E, se isto sucede con cidadáns europeos e de raza branca, non quero nin imaxinar cómo se sentirán os non europeos e os cidadáns de raza negra.
Polo que a min respecta, o peor que me aconteceu ata o momento é ter que soportar cómo moitos se mofan do meu acento español. Pero teño constancia de casos moito máis graves entre compañeiros españois: dende un amigo galego ao que chegaron a dicirlle “volve para o teu país, emigrante de merda” (perdón pola crueza da expresión) ata un par de rapaces que foron humillados e ameazados nun autobús urbano en Manchester ata o punto de ter que baixar do vehículo.
Tristemente, isto lémbrame a situación dos emigrantes rumanos e sudamericanos que chegaban a España fai algo máis dunha década. Este tipo de cousas non deberían suceder nunca en ningún recuncho do planeta, porque, a pesar de todas as diferencias, no fondo, todos somos iguais. E tampouco deberían suceder porque a vida dá moitas voltas, e porque o tempo coloca a cada un no seu sitio. Tal vez a situación actual de España e dos españois sexa unha sorte de castigo do destino polo mal trato que, como sociedade, lle demos a moitos emigrantes. Agora, os emigrantes somos nós, e tal vez mañá –aínda que semella complicado- sexan os ingleses.
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- Comparacións incomparables.
- The Spanish’ Mafia.
- Falade neniños, falade galego.
- Os mass media británicos.
- Unha cidade que nunca deixa de sorprender.
- O mercado das telecomunicacións en Inglaterra.
- Irene somos todos.
- Londres: a cidade onde todo o mundo é forasteiro.
- The Christmas’ Spirit.
- Desmiuzando o ‘National Health System’.
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).