Domingo. 13.10.2024
El tiempo
Paula Vázquez
11:38
09/04/19

O Interplay moi ben, pero falta Carballo

interplay
O Interplay moi ben, pero falta Carballo

Onte tiña algo así como resaca dixital. Se fose alguén importante e tivese que puntuar o 'Carballo Interplay' deste ano probablemente lle daría un notable alto, moi pretiño do sobresaínte. Non tiven a oportunidade de asistir ao visionado de ningunha das 34 webseries participantes (que aínda así me consta que foron moi boas), pero si estiven en moitas das mesas, paneis e encontros que xiraron arredor do mundo dixital e da Internet, esa no que moitos de nós traballamos ou usamos como medio de ocio cada día.

Ata aquí chegaron importantes e sabios profesionais do sector audiovisual galego, nacional e internacional para falar, entre outros temas, de narrativas de ficción no Twitter, do fenómeno influencer no Instagram, das novas creacións e creadores do Youtube, de autopoética en liña, ou da necesidade de crear redes de sororidade (chapó!).

Hai cultura, hai talento, hai profesionalidade e hai moito traballo detrás desta festa referente en todo o mundo. Pero quizais falta algo para o dez. Falta Carballo. Falta público de Carballo. Falta traballo de xente de Carballo. E falta que miña nai, miña tía ou a taxista que me leva de volta á casa saiban que é o Interplay, porque xa van seis! E non vos confundades, non son unha hater!

Comentarios