Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
08:37
29/09/17

#10anosQPC: A lenda dos anxos que pilotan o automóbil negro

#10anosQPC: A lenda dos anxos que pilotan o automóbil negro

“Cando acordei, Ubaldo aínda estaba aí”

É probable que nalgunha ocasión, nunha noite de néboa mesta, cando ías camiño da casa por calquera das estradas secundarias da Costa da Morte, te cruzases con el. É un coche negro, vello e estartelado. Un coche negro e fráxil como un neno de pernas tolleitas. Moitos o viron pasar veloz por diante, para logo esvaecerse entre a poalla. Outros non cren nel, pero saben que existe. Un coche negro cunhas letras brancas nos seus costados. Ao velo pasar ao teu pé, podes ler con claridade as letras. Que Pasa na Costa.

Hai dez anos que o vehículo negro e esmendrellado chegou á fin do mundo. Ninguén sabe con certeza para que. Talvez, penso eu, para roubar a néboa. Ou para alumear a noite. Ás veces tamén penso que chegaron do mundo exterior. O que non é para tanto, porque aquí, veñas de onde veñas, vés do mundo exterior. Os homes e mulleres que conducen o automóbil negro de QPC viñeron, iso si, para situarse na vangarda, aí diante de todo. Talvez por iso elixiron os camiños do Fisterra.

Cando aterraron os extraños pilotos na Costa da Morte, traían consigo pouco máis que un coche negro e un feixe de vontades por facer. Un can, unhas bicicletas, computadoras e un sofá que instalaron nun local de aluguer en Corcubión. Algúns paisanos ollaban o local con cara de sinal de interrogación:

- Que abren aí, ho?

- Unha páxina web.

Pero abriu un faro. Acendeuse unha luz limpa e nobre. Como é posible que unha manchea de rapaces con escasos recursos materiais poidan dirixir o mellor medio informativo da costa? É posible porque, a diferenza dos outros medios, QPC ten como única perspectiva o achegamento a esta terra. Sen sucursalismos, sen franquicia, sen grupos de poder, sen sombras alongadas, sen mans que dirixen e deixan dicir ou non dicir. Dende o minuto un souben que os homes e mulleres que pilotan o coche negro que transita polas néboas encarnan o principio revolucionario da fraternidade. Esa e non outra é a meta. Informar dende o amor e a emoción. Achegarse con apego e agarimo ás cousas pequenas que aquí nos suceden. O partido dos rapaces, o incidente na estrada. Falar da aldea, amar a lareira, bicar a tona do mar.

E o resto xa o coñeces, deixou de ser lenda para ser historia.

Con todo, é probable que nalgunha ocasión, cando vaias pola noite camiño da casa, vexas un coche negro vello e estragado. Din os máis vellos do lugar que, en ocasións, naquelas noites de húmida borraxeira, podes ver baixar un anxo do coche. Puidera chamarse Javier Calaza, ou Javi Mos. Puido chamarse Dani. Puidera ser Ubaldo.

Se iso che acontece e quixeras desfacer o feitizo, só un remedio che dará acougo: dálle unha aperta infinita.

10anosQPC-10 anos Quepasanacosta

Outras Historias Nómadas de Serxio Iglesias

Fonte

Comentarios