Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
14:03
01/05/10

A mala educación

A mala educación
Os resultados amosados polos xa famosos informes PISA, que avalían a cualidade do ensino en Europa, son a pura constatación dun fracaso. España aparece no furgón de cola dos países europeos no tocante, por exemplo, á comprensión lectora, e os resultados en matemáticas ou ciencias tampouco son para sacar a pirotecnia. Existe ademais, como sabemos, un alto grao de abandono escolar, unha desidia e frustración xeneralizada, currículos caprichosos, lagoas sen fondo, animadversións familia-escola, violencia escolar, fracaso. No principio foi a LOXSE. Tiña unha partitura moi amable e unha letra moi bonita, pero unha praxe inservible. Os psicólogos e pedagogos que a deseñaron esqueceron que a literatura de ficción non é un bo modelo educativo. Instaurouse o pasa por lei, polo cal se matriculabas un caniche ou un poste de teléfonos en educación infantil, ao cabo duns anos aparecía no bacharelato. Os servizos de urxencias de turno (de turno político, claro) estableceron paliativos diversos: LOCEs, LODEs, LOEs. Vaia, que lle puxeron tiritas á hemorraxia, e esta, claro, non parou de sangrar. E ata hoxe. Toda a sociedade sabe que o que se deixa en mans destes políticos apodrece. Vémolo no día a día, na xustiza, na economía, na lingua, nos seus propios e putrefactos partidos. E aínda así a sociedade permitiu que cada goberno entrante fabricase unha lei educativa ao seu gusto, sen ter nunca en conta o ben común, o máis prezado dos bens comúns. O actual ministro de Educación, Ángel Gabilondo, é un tipo que me cae ben. Tal vez porque non é un político ao uso. E ademais, porque foi o primeiro que quixo coutar dunha vez o cancro metastizado que envelena as escolas hoxe. Vén de presentar unha proposta de Pacto pola Educación entre todos os axentes implicados: sindicatos, anpas, representantes docentes e tamén partidos políticos. Probablemente sexa unha proposta imperfecta, mellorable, que non colmará as pretensións de todos, as miñas tampouco, obviamente. Pero tiña vocación de concordia e valor de permanencia. O PP acaba de anunciar que non asinará o Pacto. As súas ansias de chegar á Moncloa impídenlle chegar a ningún tipo de acordo en beneficio da comunidade. Miserable. E non menos bastardas son as razóns que aducen para non subscribir o pacto: que non se garante o ensino do castelán (mentira podrida) ou que non se garante a libre elección de centro por parte das familias (algúns deles teñen alerxia a mesturarse cos pobres). En fin, outra vaca no millo.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Maio 2010.

Comentarios