Sábado. 29.01.2022
El tiempo
Viki Rivadulla
09:50
31/03/14

A Barca, a pedra e o futuro

A Barca, a pedra e o futuro
A Pedra de Abalar e o santuario da Barca- Foto XM Lema

Onte asistín á xuntanza que se artellou en Muxía para debater sobre o futuro da Pedra de Abalar. Non sei, esta fantasía que me caracteriza facíame fabular sobre a aldea gala de Astérix reunida en torno ao tótem da tribo debatendo sobre as diferentes técnicas para mover a mole…pero sen ver que mentres falaban chegaban os romanos pola parte traseira da aldea para arrasar con todo.

O debate centrouse sobre pegar ou non o anaco fracturado da Pedra, tendo en conta que tódolos presentes parecían estar de acordo en que a esencia da Pedra é que abale e que iso é o fundamental. Na rolda de preguntas, eu que me prometín a min mesma non preguntar nada, por fallidas experiencias anteriores, sorprendinme de novo escoitándome facendo unha pregunta. Pregunta que quedou sen resposta: Para cando un plan integral de protección do contorno da Barca, non só do Santuario e a Pedra, senón das pedras, do Corpiño (coas súas construcións de valados de pedra marabillosos), da fonte da Pel, a Sala do Perello, o contorno do faro , e ese ansiado Centro de Interpretación da Barca na Reitoral?.

Agora mesmo non hai nada que explique o significado da Barca e as pedras , a historia dos santuarios -os dous, o de pedras e o mariano- a quen se achegue ata alí). É algo polo que xa comezábamos a pelexar cando fun presidenta da Asociación Pedra dos Corvos- mágoa que desaparecera aquela especie de Pepito Grilo tan necesaria. Por certo, onde estaba onte a corporación municipal? Quitando ao Alcalde, que presentou o acto, nin un só concelleiro/a , nen oposición. Haberá que artellar una nova asociación de vecinos que mire por nós.

Todos somos conscientes de como se foron destruíndo paisaxes na Costa da Morte, incluso en lugares emblemáticos da nosa comarca. E a Barca non se librou dun comezo de desfeita: a explanada sobre o Campo da Barca, o antigo pavimento do adro que creo loce nalgún chalé da zona, a escultura da Ferida colocada fóra de lugar (que ben luciría á entrada da vila, por exemplo) o desfigurado Camiño da Pel, antiga entrada dos peregrinos, etc…

Dixen que non obtiven resposta á miña pregunta , pero en realidade a cuasi resposta que obtiven deixoume máis preocupada que antes. Algo como que “como lle imos explicar á xente que non pode facer o que quere facer?”

Ben , e…?. Quere isto dicir que veremos máis construcións polo Camiño da Pel? Ou que, se nos goberna un iluminado no futuro e quere facer acceso en coche ata o miradoiro do Corpiño, poderá facelo? Ou que se poderá pavimentar unha plataforma para aparcamento de autobuses? Ou que se construirán casetos de souvenirs? Que lle agarda no futuro á Punta da Barca?

Eu son das que creo que os autobuses deberían quedar abaixo, na vila. É onde os turistas teñen que deixar os cartos. O camiño á Barca pode facerse a pé ou en transporte municipal, e a ser posible cun guía que vaia contando o que imos vendo polo camiño: que é a Rechinola á que lle cantou López Abente, que son esas construcións de madeira que vemos a carón do mar (e que por certo, son unhas cabrias que precisan un arranxo con urxencia), que é o que temos en fronte na ría , etc….Si, xa sei que ideas temos [email protected], pero o complicado é levalas a cabo. Son consciente disto. Pero, si que deberíamos ter a determinación de conseguir que, cando menos, non se faga aquelo que non se debe facer.

A Barca vai levar unha boa inversión de cartos para restaurar toda a desgraza acontecida este inverno. Pero aínda queda pendente esa protección definitiva para defendela do máis destrutivo que existe: o home. E o capital. A mirada miope que non ve máis alá para decatarse que a galiña dos ovos de ouro é unha Barca coidada , protexida de agresións que distorsionen ese contorno único que atopamos fronte á inmensidade do mar. E un bo centro de recepción de visitantes dentro da Reitoral.

A Punta da Barca é o emblema de Muxía. É o que atrae a milleiros de persoas; nela conxúganse muitos elementos importantísimos, as Pedras, o Santuario, a historia, pero tamén a paisaxe , as lendas, a contemplación da bravura do mar, do solpor… É todo un conxunto, e como tal debería contar cunha protección axeitada.

E dende ela podemos explicar a nosa historia (nunha visita que habería que completar con Moraime e Touriñán).

Paréceme moi ben o exercicio democrático de sentarse a falar sobre o futuro da pedra, pero habería que ver máis alá e aproveitar a co xuntura para deixarlle aos nosos fillos unha Punta da Barca blindada contra barbaries do futuro.

Os temporais e o mar poden levalo todo, pero non poden borrar a memoria. Pero se algún día perdemos o norte e os elementos que nos definen como comunidade cultural, e esquecemos quen somos, entón xa non nos quedará nin a memoria.

Novas relacionadas

Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

comentarios