Xoves. 22.08.2019
El tiempo
Xosé Manuel Barros
17:08
05/02/18

A contaminación do mar e a contaminación mental

A contaminación do mar e a contaminación mental
A contaminación que sofren os océanos polos verquidos incontrolados e pola presenza masiva de lixo mariño en todos os mares, non deixa de ser o síntoma de outra grave contaminación, paralela á anterior na súa intensidade e que afecta á sociedade moderna. Estar distraído, entretido, pasalo sempre ben, ser feliz as vintecatro horas, fuxir da dor, fuxir dos problemas,comprar, consumir, exhibirse.....son refugallos de lixo mental que contaminan a nosa vida social da mesma maneira que os refugallos plásticos contaminan o mar. E quen contamina os dous espazos, os dous territorios é sempre o mesmo: é o Sistema, o Sistema que necesita facer de nós, facer do mar un sumidoiro de lixo para que a maquinaria non pare. O sistema ten os seus adláteres, os seus subsistemas que manteñen ben engraxadas as rodas: A publicidade e as mensaxes que inundan os medios para que a festa consumista non pare. E todo iso trae como consecuencia o desleixo e a indiferenza no seu trato coa natureza e con aqueles que van quedando nas cunetas. Os valores que moven a sociedade actual pasan polo consumo frenético e masivo de todo trebello novo fornecido por un ilimitado avance tecnolóxico, unha ansia de puro entretemento e benestar material e o abandono de todo aquilo que contradice o mandato de comprar e ser feliz. A tristura está prohibida, os problemas non existen e o consolo externalízase cun abano de psicólogos e psiquiatras. Todo, menos complicarse a vida con aquilo que impede o disfrute arreo de tanto trebello moderno que a exhuberancia tecnolóxica de obsolescencia programada pon á nosa disposición, convencéndonos de que vivimos no mellor dos mundos. Pode ser que esta actitude teña a súa orixe na historia da humanidade, cargada de loita e sufrimento ao longo de tantos séculos. Cando chegamos a un estadio de desenrolo onde a dor do corpo pode ser prácticamente neutralizada e vivimos máis anos, o benestar físico e material transfórmase nun fin en si mesmo.A dor psicolóxica e a dor mental dos demáis deriva nunha besta negra da que compre fuxir porque son un atranco para o noso disfrute e a nosa obligada felicidade. De súpeto decatámonos que a vida é demasiado curta para tanta cousa que temos a man para pasalo ben e non queremos que ninguén nos enrede cos seus dramas, de camiño enviámolo ao psicólogo, ao psiquiatra, que nos deixe en paz, borrámolo da nosa inmediatez. Canto máis alto é o status da tribo, máis se marcan as distancias con toda caste de dor, máis axiña se desconecta, máis fondo é o silenzo ante calquer golpe na vida dos demáis que supoña facer as maletas porque a festa xa rematou. Nesta feira consumista perdeuse esa mostra de emoción antiga, esa aperta sentida, forte, sostida, aquela solidariedade que nun tempo foi humana. Incluso o sangue dos vínculos familiares faise auga. Toda aberración emocional é posible nesta sociedade de espectáculo e festa rachada. Como nas guerras, as cunetas deste mercado están cheas de abandonos e de feridas mal curadas. A reacción dalgúns intelectuais ante unha grande traxedia do individuo é outra das decepcións destos tempos modernos. E digo modernos porque supoño que debeu de existir un tempo antigo onde o home era solidario co home en todo o contido da palabra, e dentro dese contido, seguro existía o sentimento da compasión cando a dor aferrollaba a alma dalgún membro da tribo. E, sobre todo, ese sentimento debía ser máis amplo canto máis elaborada e máis fonda fora a intelixencia do que tiña o saber. Seguro que o feiticeiro, o gran gurú do grupo falaría con palabras certas, simples, balsámicas, para aliviar as feridas que non teñen cura. A sociedade actual, fiel refrexo do sistema que a sustenta, máquina de busca, consumo e competencia feroz,estimula o individualismo e maltrata os territorios comúns. Non hai proba máis clara de que algo vai mal na nosa sociedade cando somos testigos a diario da degradación dos espazos comúns, daquilo que é de todos nós. E, no noso país, en Galicia, o problema faise máis complexo polo seu compoñente histórico e psicolóxico porque esa actitude de desleixo e indiferenza está estreitamente ligada á nosa falla de autoestima colectiva coma pobo. Compre pois, loitar contra a contaminación de toda caste que nos rodea, limpar o terreo e a mente para erguer uns alicerces firmes co noso esforzo solidario de cara a conservar a nosa fermosa natureza, a nosa grande riqueza, o único que é común a todos nós e que nos conforma e consola. Dentro dela, coma un dos máis grandes e valiosos dos nosos espazos comúns están o mar e os seus dominios. Seguiremos na tarefa do seu coidado.

Novas relacionadas

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas de Mar de Fábula

Novas relacionadas Fonte

comentarios