luns. 06.04.2026
El tiempo

A Laracha prepárase para Andar contra o cancro

2026.04.04.- Presentación andaina solidaria AECC.Vilano Laracha
A Laracha prepárase para Andar contra o cancro

O Concello e a Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) presentaron a nova edición da andaina solidaria A Laracha en marcha contra o cancro, unha cita que combina deporte e concienciación social.

O acto celebrouse na Praza da Areosa de Vilaño coa participación do alcalde, José Manuel López Varela; a presidenta da Xunta Local da AECC, Maica Posse; e, entre outros asistentes, Lucía Graña en representación de Tempo Training & Social Center, unha das empresas colaboradoras do evento.

A andaina terá lugar o vindeiro 26 de abril e consistirá nun percorrido circular de 6,2 quilómetros, de dificultade baixa, pensado para facilitar a participación de persoas de todas as idades. A saída está prevista para as 10:45 horas desde a Praza Les Sables d´Olonne, punto ao que tamén regresarán os participantes tras completar un itinerario que discorre por enclaves como O Pereiro, o Castro de Montes Claros ou o paseo fluvial do río Vilán.

A inscrición xa está aberta, cun prezo de 5 euros para adultos e 3 euros para nenos de ata 12 anos. As persoas interesadas poden anotarse nos puntos habilitados no termo municipal ou a través do formulario. Ademais, existe a posibilidade de colaborar mediante o dorsal solidario para quen non poida asistir ese día.

andaina cancro

Desde a organización salientan a importancia da implicación social nun evento que cada ano reúne a centos de participantes e que se converte nun símbolo de compromiso colectivo.

Comentarios