Martes. 12.11.2019
El tiempo

O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa

O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa
cd baio no 1964

O sábado 12 de abril cumpriranse os 50 anos da fundación da Liga de Costa. Na tarde daquel domingo primaveral de 1964 deran comezo en Carballo, Quintáns (Muxía), Ponteceso e Laxe os 4 partidos inaugurais: Poniente-Fisterra (0-2), San Isidro-Porteño (5-1), Ponteceso-Cee (0-4) e Laxe-Baio (3-1). O xa finado Agosto I, do Baio, marcaría no primeiro minuto do partido de Laxe o primeiro gol que sinalaba o inicio dunha ilusionante liga de modestos que facilitaba a comunicación entre as vilas e aldeas mariñeiras e do interior da Costa da Morte e abría novas posibilidades de diversión á mocidade. O primeiro campión da Liga e da Copa sería o U.C. Cee, ó que só lle tusían un pouco o Fisterra e o San Isidro.

Un dos primitivos farois vermellos conservado por M Veloso-Foto XM Lema

O simbólico “trofeo” do farol vermello nacería esta mesma tempada en Baio: foron uns xogadores e directivos baieses no xa famoso muíño de Veloso –desaparecido hai anos-, a Meca do fútbol de Baio daquela, situado preto da ponte de Baio; como o equipo fixera unha primeira volta fatal, presumíase de ser o equipo do farol, e cando se deixou de ser o fechacancelas na segunda volta –na que o equipo se transformara no mataxigantes, pois lográrase vencer ós poderosos Fisterra e San Isidro- enviouse un faroliño recuberto nun papel vermello a Laxe, desde onde se traspasou á Ponte do Porto, pois o Porteño fora quen quedara con el en propiedade.

A data máis próxima á efeméride é o vindeiro domingo 13 de abril. Sería ideal que en todos os campos das diversas categorías da Costa se lembrase esta data dalgún xeito, en especial por parte dos seis clubs fundadores que aínda seguen competindo: Cee, Fisterra, Laxe, Ponteceso, Porteño e Baio. Unha celebración sinxela, coma tal convidar ó partido desta xornada a aqueles xogadores que disputaran a primeira temporada, para que nos inicios ou no intermedio do encontro recibisen o aplauso e o cariño do público. Unha foto deles cos equipos actuais serían uns bos recordos históricos, e non sobraría unha lembranza para aqueles xogadores e directivos que quedaron polo camiño.

Máis ca unha simple liga de modestos

Así como hai clubs que “son máis ca un club”, a Liga da Costa é máis ca unha liga calquera de modestos calquera. Chema Rei Lema e quen subscribe estamos ultimando a obra “Cincuenta anos do C.D. Baio e da Liga da Costa”, e algo que constatamos na súa xa longa historia é a grande irmandade existente entre os clubs deste amplo territorio que vai de Carballo e Malpica a Carnota e Outes, con Fisterra como mascarón de proa e Baio como centro xeográfico. Malia as lóxicas rivalidades deportivas, ás veces ben virulentas, cando xurdía algunha desgraza humana no seu dalgún club -unha grave lesión, un accidente ou o falecemento dun xogador ou dun directivo- en todos os campos costeiros había unha resposta solidaria de pesar, que ás veces se ampliaba coa organización dun partido entre o equipo afectado e unha selección da Costa.

A repercusión mediática da Liga da Costa

Ningunha liga de modestos galega acadou a repercusión mediática da Liga da Costa, e a proba está en que esta é a única que goza dunha entrada no libro Todo sobre o fútbol galego (2013) de Carlos Freire; o propio autor recoñecía que este é “un dos campionatos máis emblemáticos do fútbol galego”. Uns anos antes, Anxo Varela na súa Historia do fútbol galego (1997) dedicáballe todo o capítulo 5 co título “A lenda futbolística da Costa”. Os dous autores recoñecían a débeda co noso libro Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa (1989), que, por certo, tamén cumprirá o 14 de abril os 25 anos da súa presentación no Auditorio de Zas. Ó longo dos últimos anos foron aparecendo historias doutros clubs (Esteirana, Cee, Malpica…) e hai pouco Mar de paixón. O fútbol da Costa da Morte (2013), de Héctor Pose e Luis Porto, ós que cómpre felicitar polo seu traballo e mais polo éxito acadado.

Para xuño deste ano esperamos ter publicada a nosa obra, de carácter máis enciclopédico, na que, ademais da historia do Baio, tamén contemplamos os resumos de cada tempada das categorías nas que viñeron competindo os equipos costeiros, en especial os grupos da 1ª, 2ª e a 3ª Autonómicas. En cada categoría figurará unha foto dos campións da Liga e da Copa, e non faltará tampouco unha referencia ó posuidor do farol vermello, trofeo de particular simbolismo –e certo agarimo- na historia xeral do fútbol costeiro.

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

comentarios