Domingo. 03.11.2024
El tiempo

O proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela, "en serio", desde hai ben anos

1. A 'Ferida' de 2007 na Pedra da Cachucha (foto X.Mª Lema)
A "Ferida" causada en 1997 por unha simple prospección dunha empresa graniteira-Foto-XMLS
O proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela, "en serio", desde hai ben anos

Chamoume a atención este titular de QPC do pasado 14 de novembro: “Os Concellos de Laxe e Vimianzo retoman, en serio, o proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela”.

Este engadido “en serio” é un tanto ambiguo, pois parece dar a entender que con anterioridade todo o que se traballara pola salvación e posta en valor desta área singular fora “peccata minuta”, uns enrediños de nada. Estou seguro de que este titular foi un lapso sen malicia, mais, para que ninguén o interprete doutro xeito, é a ocasión de presentar un informe máis ou menos exhaustivo do que se leva traballado polos “penedos que Traba e Pasarela cercan” (E. Pondal) no Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM) e, en particular, por parte do compañeiro que máis se implicou: o xa falecido Roberto Mouzo Lavandeira.

A maior parte desta información está contida no libriño que aparece encol da mesa na fotografía da noticia:  Guía dos Penedos de Pasarela e Traba” (SEMESCOM, Vimianzo, 2012), da autoría de J. R. Vidal Romaní, R. Mouzo e X. Mª Lema. 

  • Ano 1997: a asociación cultural Adiante Soneira denuncia a apertura dunha canteira ilegal na base da chamada Pedra da Cachucha. Este colectivo, a través dos seus voceiros Roberto Mouzo e Manuel Rivas, fixo oír a súa voz e logrou paralizar as obras, pero alí quedou unha “ferida” ben notoria.
  • Ano 2006: unha empresa de granitos volve á carga e o daquela alcalde de Vimianzo proclamaba que estaba disposto a concederlle permiso para abrir unha canteira.
  • 14-02-2006: Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas, deputados do BNG, presentan no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para declarar este recinto “monumento natural”.
  • A favor da protección dos Penedos escribiron artigos na prensa M. Sánchez Dalama; Xan Fernández, Manuel Vilar, Vicente de Lema, S. Garrido, J. R. Vidal Romaní, L. Giadás, X. Ameixeiras, M. Suárez, X. M. Pereiro, X.L. Méndez Ferrín…
  • 11-06-2006: baixo o lema Salvemos os Penedos! varias asociacións culturais e ecoloxistas galegas levaron a cabo unha marcha de máis de 300 persoas. Manuel Rivas, Premio Nacional de Literatura, lería o manifesto titulado “A fermosa xeografía da dignidade”. O SEMESCOM publicou para esta marcha postais, pósters e camisetas alusivas a este evento.
  • 3-07-2006: representantes do IEB, Adega-Bergantiños, do SEMESCOM e o director do Instituto Xeolóxico de Galicia, J.R. Vidal Romaní, entrevistámonos con José Benito Reza, Director Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente do goberno bipartito PSOE-BNG, para conseguir a protección destas “formacións graníticas únicas no mundo” (Vidal Romaní). 
  • Decembro 2006: como consecuencia desta entrevista, a Consellería de Medio Ambiente encárgalle ó catedrático de Xeografía da USC, Augusto Pérez Alberti, un estudo xeomorfolóxico, xeográfico, estatístico e paisaxístico do recinto.
  • 3-10-2007: o Concello de Vimianzo, co voto favorable dos grupos do PSOE e do PP e o contrario do BNG, traslada á Xunta o expediente para dar licenza á canteira. 
  • 4-11-2007: malia as presións, os veciños de Pasarela, impulsados pola mocidade, rexeitan a canteira e móstranse decididamente favorables á conservación dos Penedos.
  • 12-12-2008: anúnciase na prensa que, a raíz do informe do equipo da USC favorable á preservación da área, a Consellería de Medio Ambiente (presidida por Pachi Vázquez, do PSOE) tomou a decisión de protexer os Penedos e rexeitar a canteira “por ser incompatible coa protección do conxunto xeolóxico”. 
  • 14-01-2009: publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Declaración de Paisaxe Protexida para os Penedos de Pasarela e Traba, a única de toda Galicia, xunto con Pena Corneira (O Ribeiro, Ourense). En base a esta declaración a Xunta de Galicia comprometíase a poñer en valor esta área, rexenerándoa e preparándoa para o aproveitamento turístico. 
  • Eleccións de 2009: cambio de goberno na Xunta de Galicia. Resultou vencedor A. Núñez Feijoo, e este cambio de goberno resultará fatal para a promoción dos Penedos, pois a nova Consellería do ramo ignorará por completo o compromiso adquirido oficialmente.

2. Gravación Os Penedos de Pasarela, a arte dos dedos do tempo (XMLS)
Un momento da gravación do documental "Os Penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo", coa participación activa de Roberto Mouzo (2009).

  • 19-12-2009: o SEMESCOM presenta en Pasarela, no local da A. de VV., o documental “Os Penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo”

Os Penedos de Pasarela e Traba. A arte dos dedos do tempo. from SEMESCOM on Vimeo.

  • 19-06-2010: O SEMESCOM entrega en Pasarela os premios do “I Certame de Poesía dos Penedos de Pasarela e Traba”, para rapaces e adultos. Publicaríase ó ano seguinte co título “Cando vos vexo, Penedos”.
  • 19-06-2010: Neste acto tivo lugar unha conferencia estelar do catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Juan R. Vidal Romaní (aquí embaixo), sobre a orixe xeolóxica dos Penedos.

3. Conferencia de Vidal Romaní (19-06-2010)

  • 2010: publicación do libro colectivo “A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte” (Eds. Xerais, Vigo), no que aparecen as rutas dos Penedos de Pasarela e Traba e a dos penedos do Piñeo (autoría de Roberto Mouzo).
  • 2-06-2012: o Concello de Vimianzo, xa presidido por Manuel Antelo, organiza unha marcha a pé desde Vimianzo a Traba, cunha visita ós Penedos para conmemorar o sexto aniversario da manifestación de 2006. Operarios municipais rozaron o monte para facilitar o acceso ás principais pedras multiformes, operación de limpeza que se repetiría en anos sucesivos.
  • 2012: publicación da “Guía dos Penedos de Pasarela e Traba”, xa citada.
  • 29-12-2012: o SEMESCOM coloca en Pasarela un gran panel informativo sobre a ruta dos Penedos, deseñado por Roberto Mouzo (aquí embaixo).

4. Panel informativo en Pasarela, 2012 (R. Mouzo)

  • 2013: conferencia en Pasarela do filólogo ourensán Vicente Feijoo: “Os nomes dos penedos en Galicia: ritos, cultos e lendas”.
  • 14-04-2015: Andaina “Os Penedos: moito máis que pedras”, organizada polo Concello de Vimianzo, que xuntou gran cantidade de sendeiristas (aquí embaixo). Como novidade: sinalización das principais formación pétreas con fotografías.

5. Andaina 'Moito máis que pedras' (11-4-2015)

  • Finais 2015: o SEMESCOM publica dous calendarios para o ano 2016: “Penedos de Pasarela e Traba. Moito máis que pedras”. En 2009 xa se publicara outro.
  • 2016/17: o goberno de Antelo Pazos logra as autorizacións de todos os propietarios de Pasarela para  acceder ás principais formacións pétreas; isto facilitou unha maior limpeza dos accesos.
  • 2017: o Concello de Laxe, por medio da Concellería de Comercio, Hostalería e Turismo, que dirixía Xosé M. Pose, incorpórase de cheo á loita pola promoción dos Penedos como “espazo paisaxístico, xeolóxico, natural, histórico, lendario e literario”. 
  • 2017: o Concello de Laxe organiza excursións guiadas ós Penedos e coloca sinalizacións.
  • 1-06-2018: acto conxunto dos Concellos de Laxe e Vimianzo (“Un impulso ó Plan de Conservación”) que marca o inicio dunha esperanzadora etapa, pois incrementáronse as visitas guiadas de colexios e asociacións. Tamén se incrementaron as conferencias con imaxes, en Laxe e Vimianzo.
  • 14-01-2019: cúmprense dez anos da declaración dos Penedos como Paisaxe Protexida. A Xunta de Galicia, que tiña a obriga legal de poñer en valor este espazo xeolóxico único, non está nin se lle espera. Ó cumprirse esta década, unha delegación dos dous concellos fora falar coa máxima responsable da Consellería de Medio Ambiente, que volveu dar a calada por resposta. 

En suma, celebro sinceramente que non se corte a colaboración iniciada na lexislatura anterior entre os Concellos de Laxe e Vimianzo para que por fin triunfe esa proposta de “impulsar decididamente a posta en valor da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba” contida na declaración final da recente reunión de Vimianzo. A presenza dos técnicos municipais María Mato e Víctor Santos é toda unha garantía. Tamén espero que máis cedo que tarde tome corpo esa “reunión urxente coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co obxecto de ratificar a redacción dun Plan de Conservación e Protección dos Penedos”. Fago votos para que agora a Consellería do ramo abra a porta que tiveron fechada durante máis de dez anos e responda “en serio” -é dicir, con feitos-, e non con “boas palabras”, pero vacuas, como fixo ata agora.

  • Xosé Mª Lema, Presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte

 

NOVAS RELACIONADAS

FONTE

Comentarios