mércores. 30.04.2025
El tiempo

Seis concertos e un monográfico sobre Bob Dylan enchen de música o Curruncho Pop da biblioteca Rego da Balsa

Seis concertos e un monográfico sobre Bob Dylan enchen de música o Curruncho Pop da biblioteca Rego da Balsa
Volve á biblioteca Rego da Balsa de Carballo o Curruncho Pop coa intención de contribuír á difusión de músicos e bandas emerxentes, e tamén das consolidadas que non sempre teñen o recoñecemento que merecen malia a súa valía. E aínda máis, porque o festival, como manifestou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, ao presentalo, tamén pretende “potenciar a biblioteca Rego da Balsa como espazo de acollida de diferentes manifestacións culturais”. Citas Nesta segunda edición, o Curruncho Pop presenta un cartel máis amplo e variado. Arranca o 4 de marzo con Javier Colis e Psychofonía. O compositor e extraordinario guitarrista rioxano chegará a Carballo nun momento de espléndida madurez, mergullado sen ningún tipo de atadura nos seus referentes musicais, e entregando unha ducia de cancións intuitivas, lacerantes e dun neoclasicismo radical. Na estrea do festival compartirá escenario co carballés Suso Serrano, que despois de moitos anos como Lowcos, embarcouse neste novo proxecto chamado Psychofonía xunto ao santanderino Nacho Ferrero. O 18 de marzo visita no Curruncho Pop ao polifacético Víctor Coyote, deseñador gráfico, pintor, autor de cómic, ilustrador, escritor, realizador de documentais e videoclips, actor e, sobre todo, músico. O de Tui traerá o seu último traballo discográfico, "De pueblo y de río" (Eureka, 2015), que inclúe versións en portugués de Roberto Carlos, Amália Rodrigues ou Jorge Ferreira. En abril reuniranse en Carballo Elena Setién e Amparo Arias. A donostiarra presenta o seu último disco, "Dreaming of Earthly Things", no que amosa un pop sofisticado con aromas de jazz alternativo. Dende Fene, Amparo Arias cantará en galego, castelán e inglés co seu estilo folkie mesturado con bossa nova e pop. Para maio veñen a Os amigos dos músicos, unha banda de Ourense formada por experimentados músicos que proveñen de grupos e tradicións diversas, de grupos como Niño y Pistola, Blood Filloas ou O Sonoro Maxín. E, como peche do Curruncho Pop, o 10 de xuño virá Joserra Rodríguez, unha das persoas que máis sabe de Bob Dylan en Galicia, para ofrecernos un monográfico sobre o universal músico. Pero tamén haberá lugar para o audiovisual, algunha canción en directo e as preguntas do público. Con todos estes ingredientes cociñarase, como dixo o alcalde na presentación, un “espazo especial, con encanto”, como corresponde a un curruncho. Despois do éxito que tivo a primeira edición, con algún concerto antolóxico, Evencio Ferrero agarda que tamén no futuro se fale dos concertos do Curruncho Pop 2017 que deixaron pegada. E, de paso, “que a xente perciba os espazos culturais como espazos diversos e de diversidade, de portas abertas ao conxunto da sociedade”. Reservas O Curruncho Pop, de feito, é un festival para todos os públicos, no que, dadas as características da instalación, ofrécense concertos de pequeno formato e para un máximo de 90 persoas. As entradas son de balde, pero por esas limitacións de espazo requírese a reserva previa a través de biblioteca@carballo.gal ou no número de teléfono 981 758 580 (máximo catro pases por persoa). Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo

Comentarios