Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947

Na cidade de Bos Aires e no bienio 1946/1947, como tentativa de superación dos diferentes puntos de vista existentes no exilio galeguista, constituíuse organicamente a denominada Comisión Intersocietaria de Entidades Galegas, que xa viña funcionando, de feito, desde o nacemento da Irmandade Galega e do Consello de Galiza. A Intersocietaria estaba composta por delegados da activa Federación de Sociedades Galegas, dos centros Ourensán, Coruñés, Lucense e Pontevedrés, das pequenas sociedades comarcais de Betanzos e da ABC de Corcubión e, finalmente, pola propia Irmandade Galega.
A Intersocietaria xuntaba todas estas entidades máis afíns coa finalidade de conmemoraren xuntas as datas patrióticas do 28 de xuño (aniversario da aprobación plebiscitaria do Estatuto de Autonomía de 1936), 25 de xullo (día da Patria Galega), 17 de agosto (día da Galiza Mártir, en lembranza do fusilamento de Bóveda como símbolo de todas as persoas represaliadas) e o 17 de decembro (aniversario da morte do mariscal Pardo de Cela).
Antón Zapata García, o poeta de Laxe, tivo sempre unha importante participación nas celebracións das diferentes datas patrióticas, malia o precario estado de saúdo dos seus derradeiros anos, pois faleceu na cidade bonaerense o 20 de xuño de 1953. Entre os numerosos testemuños que a prensa galega da diáspora nos deixou desa implicación están os tres sonetos asinados por Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947 e publicados catro días despois no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas (Bos Aires, nº 1016, 29 de xullo de 1947)
Na primeira páxina da publicación da FSG aparece este tríptico de sonetos co título común Precraros Fillos de Galiza, e introducidos pola dedicatoria «Ao poeta e irmán galego Avelino Díaz», porén os sonetos teñen cadanseu epígrafe: Edoardo Pondal, Teodosio “O Grande” (Emperador román) e A Vila de Laxe.
No primeiro, que se publica precedido dun retrato a lapis de Pondal que asina Cortés, un autor descoñecido para nós, xa nomea ao vate da Ponteceso como “o bardo patriota de encumiado lenguaxe”, lembra a súa participación na creación do himno galego, compara a súa voz coa do “reberte Isaías” e remata sinalando: n-un poema inmorrente anuncióu fastos días: / ¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!...
No segundo evoca ao emperador romano Teodosio “o Grande” (379-391 a. de C.), do que Hidacio no preámbulo da súa Crónica afirma que era oriúndo da provincia de Gallaecia e da cidade de Cauca (actual Coca, en Segovia). E que xa mencionara tamén Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Libro Primeiro do Sempre en Galiza [1944]: «¡Qué importa que désemos un emperador a Roma e un Papa â Cristiandade, ou que a Paulo Osorio se lle deba o primeiro Tratado de Hestoria Universal!». Teodosio foi o impulsor do catolicismo como relixión oficial do estado, perseguiu os cultos pagáns e, como sinala Zapata no último verso, morreu na cidade italiana de Milán no ano 391 a. de C.
E finalmente, o terceiro dos sonetos é unha magnífica descrición lírica da vila que o vira nacer o 26 de febreiro de 1886, con referencias tamén sociolóxicas e históricas.
EDOARDO PONDAL
Foi o bardo patriota de encumiado lenguaxe que na ialma sentío latexar nobres dons pra salvar a Galiza de render vasallaxe a poderes alleos e a galegos mandóns.
Como un rexo carballo de cumprido follaxe, na nadal Ponte-Ceso, ao pé mesmo do Anllóns, n-unha lira de bronce, de aceirado cordaxe, noso Hino compuxo con homéricos sons.
N-unha patria de escravos despertóu xusta arela: de chegar a ser ceibe da opremente Castela que a calunia, i-enxuria, e arrebátalle o pan;
i-eisímade, o poeta, cal reberte Isaías n-un poema inmorrente anuncióu fastos días: ¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!...
TEODOSIO «O GRANDE»
(EMPERADOR ROMÁN)
NA óurea constelación que tén a humanidade —filósofos e artistas, sabios, bardos e santos—, fulxente como Sirio, destácase, entre tantos, Teodosio —¡Astro Galego!— erguendo â Cristiandade.
Da deusa Themis crênte e amante da verdade, un manumento fixo que non sofréu quebrantos: seu código enxugóu do povo muitos prantos... ¡e ao mundo segue enchéndoo de fonda craridade!...
No imperio e no fogar románs súas leis cumpríanse, e, máisimo guerreiro, seus trunfos repetíanse, da Gran Bretaña âs terras de Ourente e de Fenicia.
E homilde —igual que cando o seu solar deixara, chamado por Graciano, e a ROMA reorgaizara—, ¡Milán vío-o morrer lembrando â Nai Galicia!...
A VILA DE LAXE
AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura, a filla ben querida dos ártabros, laxesa, espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa, pieitando os seus cabelos de ourífica finura.
De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura, e, de outo señorío, tamén prestanza acesa: pol-o abolengo, pode ser céltica princesa, pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.
No vran, as súas praias son leitos de puntillas enonde a siesta dormen as peixadoras quillas sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;
e cando na invernía o mar morde os cantiles, e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles... ¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!...
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
- A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial.
- Efeméride: No 80 aniversario da publicación de «Na morte de Lexandro Bóveda» de Antón Zapata García.
- Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García.
- Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche.
- Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte.
- «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón.
- Paco Souto, in memoriam.
- Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira
- “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias Lamela.
- Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García.
- “O pino de Corcubión”, un poema de López Abente.
- Nos 80 anos (1936-2016) dun decembro negro na Costa da Morte.
- O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López.
- Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23/10/1898 – 1977).
- No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee.
- «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917.
- Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952.
- Adagio por outono.
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).