Unha vez visto o trailer continuamos o repaso do fermoso proxecto Monte Pindo. Espazos da Memoria. E facémolo co vídeo máis global que recolle como eran as covas nas que os fuxidos se agochaban durante a guerra civil e a postguerra.
Pepe do Fieiro, Xil Caamaño, Juan Louro, Suso López e Xoán Rodríguez entre outros, lévannos, fouciño en man, por sendeiros cheos de toxos ata atopar dúas das covas utilizadas entre o 1936 e o 1945 polos agochados: a Cova da Cabana das Chousas e a Cova do Petón da Moa do Freixo ou Casas Vellas. Nelas comprobaremos como vivían naqueles tempos, que melloras lles facían ás covas para mellorar a súa habitabilidade… Luís Lamela e Modesto García Quintáns poñen ademais o contexto histórico.
O Mapa
Aproveitamos tamén para compartir este mapa realizado coa axuda de Modesto García Quintáns, no que recollemos unha ducia de covas, as dúas rutas sinalizadas, e varios puntos singulares vinculados coa memoria democrática:
Podedes seguir navegando por espazosdamemoria.gal e ver outros vídeos coordinados por Ubaldo Cerqueiro, recollidos coa cámara de Marcos Boedo e editados pola laxense Monste Mira.
MÁIS NOVAS
- O alumnado do Cole de Dumbría coñeceron a memoria da covas dos fuxidos do Monte Pindo.
- O Monte Pindo rescata a historia dos seus agochados a través dunha ducia de testemuños.