O Monte Pindo rescata a historia dos seus agochados a través dunha ducia de testemuños
- O Pindo e o Ézaro acolleron as presentacións do proxecto “Monte Pindo. Espazos da Memoria”.
O Monte Pindo é un mar de maxia, de lendas, de realidades. Unha parte da súa historia desenvolveuse entre o golpe de estado de 1936 e o 1948, cando a guerrilla antifranquista depuxo as armas. Durante esa década, centos (entre 130 e 2.000) de homes de toda a comarca, e mesmo dende outras partes da provincia, agocháronse nas frías e úmidas covas do Monte Pindo.
Unha historia aínda contada a medias, e malia que xa é tarde para recuperala, o proxecto “Monte Pindo. Espazos da memoria”, trata de poñerlle un pouco de luz. “Isto tiñámolo que telo pensado nos anos 80, que era cando aínda había persoas vivas que nolo podían contar en primeira persoa. Pero en todo caso, nunca é tarde”, reflexionaba Xil Caamaño, un dos informantes nos que se basea a documentación deste proxecto desenvolto pola compañía Aantena no marco das axudas da Deputación da Coruña.
Cómpre ter en conta o compromiso coa nosa memoria. A compañía dirixida por Xosé Leis (Serra de Outes, Coruña) e Bernardino Martínez (Camariñas) leva anos realizando proxectos vinculados coa nosa memoria democrática, sempre coas lentes violetas inseridas en cada proxecto. O Festival Escena Muller FEM ou Man Arte Naufraxios son dous perfectos exemplos do seu compromiso.
Para este proxecto contaron con Ubaldo Cerqueiro (o que escribe estas palabras en QPC) para coordinar a investigación histórica, a recollida dos testemuños e a coordinación das pezas documentais. O deseño gráfico de Alicia Baña, a fotografía de Marcos Boedo e a edición de vídeo de Montse Mira completan o equipo que formou parte deste proxecto, que ademais das pezas documentais inclúe unha páxina web onde podes acceder a un mapa onde xeolocalizamos unha ducia de covas nas que vivían os refuxiados; e unha ruta con realidade aumentada locutada pola regueifeira de Bergantiños Lupe Blanco.
Presentación no Pindo
Esta fin de semana Aantena presentaba “Espazos da Memoria” ante os grandes protagonistas do proxecto, esas 12 persoas que cederon a súa sabedoría para esta recollida de memoria histórica, realizada dende unha perspectiva de muller.
O Pósito do Pindo, un espazo clave nos tempos da Guerra Civil, acollía a primeira presentación. Unha vintena de persoas achegábanse para coñecer de preto o proxecto. Non faltaron xentes fundamentais como Xil Caamaño, Luís Lamela, Merche Díaz Mayán ou as 5 mulleres do Pindo que prestaron as súas historias de vida. Se Xil ou Luís ofrecen un marco máis teórico e histórico, o relato das Olga de Tinto, María da Paloma, Consuelo do Roquiño, Maruja de Selia, e Lola de Alberte permítenos coñecer de primeira man o día a día daqueles tempos, dende a perspectiva das mulleres, as que deverdade se enfrontaron ao réxime.
Presentación no Ézaro, homenaxe a Noveira de Xinzo
A segunda e igual de emocionante foi a presentación no edificio Bitácora do Ézaro. A lenda vida do Olimpo Celta Pepe do Fieiro, o topógrafo e escritor Modesto García Quintáns e o sobriño do Marrolas, un dos fuxidos, Xoan Carlos Rodríguez, tomaron a palabra para dar conta da importancia destas recollidas históricas.
Pero o gran momento da tarde, e que mellor representa a necesidade destes proxectos, foi a homenaxe que a familia de Antena quixo brindar a Manuel Cambeiro, coñecido como “Noveira de Xinzo”. Este informante, esta enciclopedia do monte pindexo, faleceu durante o desenvolvendo do proxecto e ata o Ézaro desprazouse a súa familia para ver as imaxes das entrevistas realizadas e recibir un agasallo de Aantena. María, a súa muller, recollía unha fotografía da súa participación no proxecto.
12 pezas documentais
Este é o trailer, e o primeiro de 12 pezas documentais coordinadas por Ubaldo Cerqueiro, coa gravación de Marcos Boedo e a impresionante edición de Monste Mira.
Xa os podedes ver en espazosdamemoria.gal, pero aproveitaremos en QPC para ir descubrindo cada fin de semana, estas historias:
OS INFORMANTES
Os protagonistas de toda esta colleita son:
- Modesto García Quintáns (Buxantes, Dumbría). Topógrafo, historiador e escritor.
- Luís Lamela (Corcubión, A Coruña). Historiador e escritor de varios libros relacionados cos fuxidos da represión franquista.
- Jose Rodríguez Ramos, “Pepe do Fieiro” (Fieiro, Mazaricos). Historia viva do Olimpo Celta.
- Merche Díaz Mayán (Secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo, Carnota)
- “Olga de Tinto” (O Pindo, Carnota)
- “María da Paloma” (O Pindo, Carnota)
- “Consuelo do Roquiño” (O Pindo, Carnota)
- “Maruja de Selia” (O Pindo, Carnota)
- “Lola de Alberte“ (O Pindo, Carnota)
- “Manuela da Palmira” (Quilmas, Carnota)
- Manuel Cambeiro, “Nouveira de Xinzo” (Xinzo, Mazaricos)
- Xil Caamaño (O Pindo, Carnota). Asoc. Monte Pindo Parque Natural
- Xoan Carlos Rodríguez (Ëzaro, Dumbría). Sobriño do “Marrolas”, un dos fuxidos.
- César Cambeiro (Caldebarcos, Carnota). Actor e contador.