Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Costa da Morte

Ailá lanza o seu primeiro disco con raíces costeiras

Sae hoxe á venda o primeiro disco de “Ailá”. A banda compostelá estrea o seu traballo homónimo, con temas inspirados en recollidas feitas en lugares de toda Galicia, entre elas de Ponteceso, ou Muxía... A banda, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas, de Abel Gañete, Ángela Carou, Xan Pampín, e Manuele Pardo (que hai pouco vimos cantándolle a Muros) é un deses grupos que están convertindo o TRADI en trendy, dándolle unha nova vida á musica tradicional galega.

O disco trae xotas, muiñeiras, valses e pasodobres para facernos bailar, con toques balcánicos nos arranxos.

Entre os temas do disco atopamos o “Pasodoble de Imende-Noicela”, forxado na comarca de Bergantiños, “un dos territorios nos que mellor se conservou a tradición oral”, recoñecen. Este pasodobre ten como referencia unha recollida da Asociación Cultural Xiradela feita no ano 1986 e que Ailá aprendeu grazas a Fransy González. Colabora no tema Andrés Vilán coa caixa.

Tamén aparecerá o “Valse dos Moreiras”, que nace da familia Moreira, orixinaria de Santo Eleuterio de Tella, era moi coñecida na bisbarra do Concello de Ponteceso como “Os Irmáns Moreira”, xa que eran sete irmáns -seis deles varóns-, que emigaron a América e escolleron a cidade de Bos Aires como punto de chegada. Os Moreira foron considerados os intérpretes de acordeón máis sobranceiros daquela época na emigración. Este valse é, pois, unha homenaxe a unha das gravacións dos míticos irmáns. Colabora Pedro Pascual á mandolina.

Outro dos temas do disco con raíces costeiras é o “Pasodobre de Morquintián”, que chega como agasallo para pechar o disco. Da man das gravacións feitas por Gustav Henningsen no ano 1965 en Muxía, neste caso concreto, a dous veciños e informantes de Morquinán. Na gravación sonora orixinal, a voz está acompañada por unhas palmas e por unha harmónica co aire popular das cantigas mariñeiras.

Ailá-Foto Sara Pardo Lareo

O álbum, que conta cun avance de sete cortes nas plataformas dixitais Youtube, Spotify, Deezer e Amazon, pódese adquirir na tenda Trisquel Artesanía, de Santiago de Compostela.

O Auditorio Municipal de Cangas acollerá o 28 de maio o concerto de presentación do disco, unha viaxe sonora con aires de charanga e corazón de serán.

Novas relacionadas

Ailá lanza o seu primeiro disco con raíces costeiras