Martes. 16.04.2024
El tiempo

Costa da Morte

#MoitoqueSachar, o programa polo #DíadosMediosenGalego

Festas da comunicación en galego a que se viviu este sábado 20 de marzo dedne a Casa de Rosalía para todo o planeta. A Asociación de Medios en Galego, da que QPC forma parte dende a súa creación, celebrou o Día dos Medios en Galego. Fíxoo co programa “Moito que sachar” en formato Late Night, presentado polo actor mazaricán Federico Pérez Rey.

Fede abriu o programa cun simpático monólogo no que se atreveu mesmo a reescribir a historia do nacemento de Galicia da man dun Breogán capataz de obras nas pirámides de Exipto de permiso pola nosa terra. 

O primeiro invitado, trala benvida ofrfecida polo anfitrión Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, que recoñeceu que “queda moito por facer nesta lingua, pero temos que gabarnos de que somos a única lingua cooficial no estado español que é maioritaria”.

A responsable da área de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, declarouse seguidora “habitual dos medios en galego, por convicción, porque as linguas están feitas polas persoas, e os relatos son feitos dende aquí”.

Unha das grandes intervencións foi protagonizada pola mesma “Lingua Galega”. Lidia Veiga representou á lingua nai con moita retranca, dando conta da necesidade de sachar, por exemplo, abrindo a posibilidade de emitir en “tiktok” pol@s xornalist@s galeg@s. Deixou claro que segue estando “enferma” en innumerables sectores, como o xudicial e mesmo mediático.

O acto serviu para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego. Unha nova proposta de comunicación en galego que fundirá nunha única plataforma unha manchea de xornais e revistas do país, que estará en breve na rede dentro de moi pouco.

Pechou a serie de intervencións Pablo García Chichas, xornalista de Radio Estrada e representante da AMEGA. “O xornalismo en galego é cada vez máis necesario, medios veraces, plurais… que exercemos de servizo público gracias á nosa versión bidireccional da nosa comunicación”, expresou. “Quen conta a cantidade de empresas que se marchan fóra de Galicia? Os medios en galego! Agora estamos en Madrid todo o día, pero que pasa cos traballadores de Alcoa, que pasa co Consorcio?”, preguntouse Pablo, focalizando na “utilidade” da nosa lingua para contar o que pasa no país.

 

O programa foi emitido por streaming (ou “polo rego”, como propón Fede en clave de normalizar as novas tecnoloxías na nosa lingua) a través das canles de AMEGA (Youtube, @mediosengalego en Facebook e @AMEGAOficial en Twitch), e será retransmitido o domingo ás 21:30 en NósTv (no 119 de R) e o luns ás 18:00h nas radios municipais galegas da rede Radiofusión, entre elas, radiONeria e Radio Roncudo.

RELACIONADOS

#MoitoqueSachar, o programa polo #DíadosMediosenGalego