Luns. 18.11.2019
El tiempo

DUMBRÍA

Dorinda Moledo, gandeira: “Ás empresas pequenas esíxennos moito”

A gandeira dumbriesa, Dorinda Moledo, relata no seu vídeo para o proxecto A Costa das Mulleres o traballo que conleva a vida gandeira. Dorinda, que leva toda unha vida adicada á gandaría, conta que de pequena non sabía o que quería facer de maior, pero o que tiña claro é que non quería vacas. “Agora aquí hai 70”, comenta Moledo como copropietaria dunha empresa de éxito como o é a explotación gandeira e de cárnicos Raposo.

Dorinda explica que no seu día a día teñen especial coidado coa hixiene para ter todo impecable, xa que “ás empresas pequenas esíxennos moito”, cousa que non esixen, ou cando menos coa mesma intensidade, a empresas máis grandes, “senón non o poderían ter así”, di Moledo.

A gandaría é un traballo constante no que “non hai días libres, excepto cando hai festa ou hai que ir a algún sitio”, momento no que o fillos teñen que tomar o reemplazo, engade Dorinda. De todos modos, a pesar de todas estas condicións, este é un traballo de “moitas horas, pero duro non é”, explica a gandeira.

En canto ao papel da muller no rural e nesta profesión en concreto, Moledo fai unha reflexión e indica que foi cambiando ata agora. “Hai 20 anos normalmente as mulleres non podían conducir, hoxe as mulleres conducen coma os homes e deféndense co tractor e con todo”, afirma a dumbriesa.

Dorinda Moledo, gandeira: “Ás empresas pequenas esíxennos moito”