Xa visitabamos estes días a cociña do CEIP Os Muíños. Pero este ano o centro tiña como proxecto anual vertebrador o “Facemos camiños”, arredor do camiño xacobeo. Teñen o seu propio roteiro de 400 metros por todo o centro, pero desta volta quixeron probar o verdadeiro.
Así, o pasado venres 11 de xuño, o alumnado de 5º EP percorreu un tramo do Camiño de Santiago desde Os Muíños ata Muxía. Dende o cole, descenderon cara a praia de Area Maior, segundo as frechas do camiño. Subiron ata Moraime, onde pararon para descansar, contemplar a igrexa de San Xiao coñecendo algo da súa historia e, finalmente, selar a credencial. Seguiron subindo ata San Roque, onde merendaron e falaron da construción da capela, da vida do peregrino San Roque e do rito do cambio da tella. Dw Chorente ata a praia de Espiñeirido, desde onde encamiñaron ata A Cruz para percorrer o paseo marítimo e finalizar na Oficina de Turismo, onde volveron a selar a credencial e obtiveron o “Diploma do pequeno/a peregrino/a”.
Toda unha experiencia peregrina para estes brav@s alumn@s.