![]()
Con motivo das Letras Galegas, que este ano está adicado a Carlos Casares, os concellos de Vimianzo, Carnota e Camariñas veñen de dar a súa programación para os vindeiros días.
Vimianzo
Vimianzo traslada a celebración das Letras Galegas á parroquia de
Pasarela con varias actividades organizadas pola asociación de veciños de Pasarela, en colaboración co concello. A celebración será o propio día 17 de maio a partir das 16 horas con varias actuacións de teatro e baile e música tradicional interpretadas por distintos grupos da zona entre os que están "Os Druídas da Rolda". Ao remate, haberá pinchos "a fartar".
Carnota
Tamén o concello de Carnota ten xa todo o listo para a conmemoración das Letras Galegas. Os actos comezan o martes, 16 de maio, coa sesión de contacontos
"Entre arrolos e contiños" de Migallas Teatro que terá lugar ás 17:30 horas no salón de actos do concello.
Tamén o día 15 e 16 de maio, os alumnado do CEIP de Carnota e o do CEIP do Pindo participarán nas
andainas reivindicativas "Co galego percorrendo o mundo enteiro". Percorrerán os sendeiros costeiros dende Lira ata Lariño con cadansúa camiseta a prol da lingua galega e rematarán no faro de Lariño coa lectura pública dun manifesto.
O día 19 de maio, ás 20 horas, a casa da Mariñeira acolle a
proxección do documental "Crónicas da represión lingüística" dirixido por Xan Leira. Logo haberá debate ao redor do tema. A entrada é libre ata completar o aforo do local.
Xa o día 26 de maio, Cé Orquesta Pantasma envolverá aos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos co seu
espectáculo musical "Os fíos do querer" que será ás 17:30 horas no salón de actos da casa consistorial.
As actividades continúan o día 30 de maio, ás 17:30 horas, coa sesión de contacontos "Palma Repalma" de Pavís Pavós. Esta é unha función dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos orgnizada ao abeiro do programa Apego.
Laxe
![]()
O concello de Laxe tamén ven de dar a coñecer a programación cultural para este mes de maio. Así o domingo, o salón de actos municipal acolle a partir das 19 horas o
espectáculo "Filipa cos contos". O martes, día 16, proxectarán ás 18 horas a
película "O soño dunha noite de San Xoán". A praza Ramón Juega acolle o día 17 un acto de
intercambio de libros en galego - coñecido tamén como "Bookcrossing" ou "Solta de Libros" - a partir das 12:30 horas.
E xa o sábado 27 e o domingo 28, o salón de actos municipal de Laxe e as rúas da vila acolle o
X festival de teatro escolar Teatrapa e o
V roteiro teatralizado.
Camariñas
Os alumnos e alumnas dos centros educativos de Camariñas serán os protagonistas dun dos actos que organiza o concello con motivo das Letras Galegas. Así, o día 17 de maio, ás 12 horas, a casa de Pedra da vila acollerá a gala de
entrega de premios do certame literario Letras Galegas. Migalhas Teatro conducirá o acto co seu espectáculo “Canta connosco” no que se combinan cancións de temática variada con acción dramáticas.
Xa ás 17 horas, a biblioteca municipal acolle o espectáculo infantil “Cabaret infantil prodixio” de “A boa compañía”. O espectáculo está dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos e tená unha duración de 45 minutos.
As dúas actuacións están dentro do programa Ler Conta Moito e subvencionadas pola Xunta de Galicia.
Cee
![mostra-carlos-casares-cee]()
A biblioteca de Cee acolle unha mostra bibliográfica sobre Carlos Casares
Dentro da
programación especial das Letras Galegas, a
biblioteca "Francisco Mayán" de Cee acolle estes días dúas mostras bibliográficas. O seu obxectivo é dar a coñecer a vida e obra de Carlos Casares e Baldomero Cores.
A mostra sobre Carlos Casares está composta por dez carteis informativos - editados pola Xunta de Galicia - e 42 libros do fondo bibliográfico da biblioteca municipal do concello de Cee. Pode visitarse ata o 26 de maio.
E formando parte do
programa "Lembrando a Baldomero Cores", na sala do fondo local da biblioteca, exponse unha mostra bibliográfica da súa obra literaria composta por 35 libros - 16 foron doados pola súa familia e 9 cedidos - exposición que pode ser visitada, en horario de biblioteca, do 6 ao 17 de maio.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)