![O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou onte varios lugares da Costa da Morte]()
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou onte varios lugares da Costa da Morte
O presidente da Deputación da Coruña,
Valentín González Formoso, trouxo un pan debaixo do brazo. Así se desprende da visita que realizou onte aos concellos de
Ponteceso e Laxe, durante a que destacou o “compromiso” da institución provincial cos concellos da comarca da Costa da Morte, nos que se están a financiar
“plans de investimento con criterios obxectivos como o POS, o PAI ou o Plan de Acción Social por importe de máis de 13,5 millóns de euros”, aos que ao longo de presente ano se sumarán novos programas que incrementarán aínda máis estas cifras para atender as necesidades municipais en materia medioambiental, de fomento do emprego ou de conservación do patrimonio. “Son investimentos importantes, que contribuén a xerar emprego e actividade económica e a mellorar moitos dos servizos e infraestruturas municipais”, afirmou González Formoso.
O presidente provincial comezou a súa rolda pola comarca da Costa da Morte en Ponteceso, onde foi recibido polo alcalde, Lois García Carballido e outros membros da corporación municipal. “Neste salón de plenos vaise aprobar esta tarde - por onte - un Orzamento de máis de 5 millóns de euros, que en gran parte proveñen de investimentos por parte da Deputación. Por iso para min é moi significativo ter hoxe - por onte - en Ponteceso ao presidente”, afirmou o rexedor pontecesán, que destacou o “importante apoio” que as achegas da institución provincial supoñen para o municipio.
En concreto,
Ponteceso recibiu nos últimos meses máis de 1,1 millóns de euros de financiamento provincial para diversos proxectos, dos que 825.774 corresponden aos programas POS, PAS e PAI da Deputación e 274.000 € a diversas subvencións nominativas que permitirán ao concello mellorar as súas infraestruturas deportivas, os accesos de varios núcleos rurais e adquirir un novo camión de lixo, entre outras actividades. O presuposto do PAI (225.478 euros) destinarase íntegramente á amortización de débeda municipal.
![O presidente da Deputación reuniuse cos alcaldes de Laxe e Ponteceso]()
O presidente da Deputación reuniuse cos alcaldes de Laxe e Ponteceso
Cafetería de Balarés
González Formoso e García Carballido visitarona área recreativa de
Balarés, que o goberno municipal quere potenciar como “un dos principais atractivos turísticos e naturais” da zona, no que se enclava unha cafetería nuns terreos de titularidade provincial, que o presidente da Deputación comprometeuse a “adecentar” de cara á tempada estival.
Tamén visitaron o
polígono industrial de Tella, que o goberno de García Carballido pretende impulsar como “eixe vertebrador do desenvolvemento económico e de xeración do emprego” no municipio. Neste sentido, o alcalde afirmou que tras diversas conversas con Xestur,
a asociación de empresarios e os propietarios dos terreos conseguiron “desbloquear” a venda de 17 parcelas que poderán ser destinadas a novos proxectos empresariais que xeren postos de traballo no municipio. Como medida adicional, o rexedor anunciou que pretende aprobar unha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) para aquelas empresas que decidan asentarse no municipio.
Emprego
Pola súa banda, González Formoso explicitou o apoio “na medida das nosas posibilidades” ao goberno de Ponteceso nos seus plans para dinamizar a actividade empresarial na localidade e apuntou que a creación de emprego será “a prioridade fundamental” do goberno provincial durante o presente mandato. Neste sentido, anunciou que a Deputación traballa na preparación dun
ambicioso Plan de Emprego dotado con máis de seis millóns de euros, “o que supón multiplicar por seis os recursos que ata agora se viñan destinando a este fin” e que permitirá aos “concellos contratar persoal para cudarillas e servizos municipais, contratar a xente en risco de exclusión social e favorecer o autoemprego e as iniciativas emprendedoras nos concellos coruñeses”.
En
Laxe, onde González Formoso reuniuse co alcalde José Manuel Mouzo, para analizar os investimentos dos distintos plans provinciais no municipio, o presidente anunciou que, ademáis deste Plan de Emprego, a Deputación ultima
un plan de Medioambiente dotado con 4 millóns de euros que permitirá aos concellos financiar accións de mellora de alumeados públicos, saneamentos, proxectos de mellora da eficiencia enerxética ou mellora de parques e xardíns; así como un programa de apoio a entidades sociais e outro de conservación do patrimonio.
Todos estes programas estanse a deseñar “en base a criterios obxectivos”, que “reducen a discrecionalidade das asignacións” e que “teñen como obxectivo principal da súa acción aos pequenos e medianos municipios da provincia, que deben ser o foco principal da atención da Deputación”, afirmou González Formoso.
Durante a reunión co alcalde laxense, González Formoso apuntou que o municipio ten actuacións comprometidas por importe de 438.838 euros dentro do Plan de Obras e Servizos, o Plan de Acción Social e o Plan de Aforro e Investimento.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación