A Deputación inviste máis de 200.000 na construción de novas sendas peonís en Vimianzo e Malpica
08:12 21/09/16
A Deputación da Coruña ven de adxudicar as obras de construción de dúas sendas peonís nos concellos de Malpica e Vimianzo, por un importe total de 202.372,21 euros.
En Vimianzo, a empresa Excavaciones y Transportes BC realizará por un importe de 118.578,79 euros as obras de construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada DP 1603, entre os lugares de Porto de Cereixo e Tufións. A nova senda, de case un quilómetro de lonxitude, construirase ao nivel da estrada entre os puntos quilométricos 1,400 e 2,345, cunha anchura media de dous metros e un carril de separación do andén peonil e a plataforma de 0,5 metros.
Debido á configuración do terreo, o proxecto contempla a execución de varios muros de escollera, cunha altura máxima de 1,8 metros, a reposición de diversos peches, e a colocación de bordillo nos tramos no que o terreo estea a cota superior á da senda. Construirase unha rede de tubaxe de PVC baixo a senda para a recollida de augas pluviais e incluirase a axeitada sinalización do tramo sinalado. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.
Senda peonil de Mens
En Malpica, a nova senda terá 790 metros de lonxitude e construirase no lugar de Mens, dando continuidade á existente actualmente entre os puntos quilométricos 5 e 6. O andén peonil continuará así ata o punto quilométrico 4,210, mellorando a seguridade da estrada DP 4307 de Malpica a Ponteceso.
A Deputación adxudicou á empresa Excavaciones y Obras Marcos a execución dos traballos, por importe de 83.794,42 euros e cun prazo de execución de catro meses.
As obras comezarán coa retirada de todos os elementos de mobiliario urbano afectados pola obra, entre eles sinais de tráfico e biondas, o desbroce das cunetas e a demolición do pavemento asfáltico na marxe dereita da calzada. A nova senda terá un ancho total de 2,10 metros, dos que 0,30 metros correspoden á zona de seguridad entre a calzada e o andén peonil. O proxecto inclúe tamén rede de recollida de pluviais e a reposición de sinalización horizontal e vertical
Novas relacionadas
- Máis de 331.000€ para a construcción de varias sendas peonís no Camiño ao seu paso por Muxía e Santa Comba
- Dumbría terá unha nova senda peonil dentro dun tramo do Camiño de Santiago
- Unha senda peonil unirá Carballo co polígono de Bertoa a partir do verán do 2017
- As sendas peonís chegan á Costa da Morte
- As obras da senda peonil entre Xornes, Buño e Canta La Rana arrincarán este ano
- Realizan catas para ampliar a senda peonil da ponte de Baio
- Rematada a senda peonil entre Anllóns e Ponteceso
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña