![Imaxe-da-planta-de-Gesmaga-en-San-Paio-de-Coristanco]()
Planta de Gesmaga ubicada en San Paio, Coristanco
A Plataforma na Defensa da Terra de Coristanco vén de presentar documentación en varias administracións na que, entre outras cousas, afirma que a nave propiedade da empresa Gesmaga no lugar da Furoca (San Paio) "non dispón, nin nunca dispuxo, presuntamente, de conexión á rede saneamento municipal"; desmentinto así o estudo de impacto ambiental realizado pola promotora. "Pola sinxela razón de que non chega a rede de saneamento a ningún punto do perímetro da parcela" sinalan dende a plataforma.
Na documentación aseguran tamén que das arquetas derivadas da parcela - situada no lado sueste da mesma - derivan tubos que verten ás leiras próximas. Asemade denuncian que en dita parcela "estivéronse e estanse presuntamente a enterrar residuos da construcción, sen ningún tipo de medida de seguridade cando na parcela en cuestión solo existe licencia para tratamento de lodos".
Segundo sinalan dende a Plataforma na Defensa da Terra de Coristanco, "estas e outras cuestións terán que ser contestadas en primeira instancia polo concello. Esperamos, aparte da veracidade, a eficacia, transparencia, e axilidade que o alcalde prometía aplicar cando estaba na oposición".
A entidade tampouco está de acordo coa retirada da quenda de intervención á veciñanza; "aos veciños e veciñas , hai que achegarlle algo máis ca os recibos da contribución e non nos parece coherente pasar de afirmar que o concello é a casa de todos a retirarlle a palabra ao pobo porque non lle guste o que se lle di" indican desde a Plataforma coristanquesa.
A Plataforma anuncia que nos vindeiros días solicitará ao concello o local social na parroquia de San Paio onde explicará a veciñanza o alcance do proxecto que Gesmaga pretende levar a cabo na mesma parroquia.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).