Volveu a familia de Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional á Costa da Morte para celebrar o famoso Día do Peón. A XVIII edición desta singular data leva percorrendo o país espallando o trompo entre a rapazada de todo o país co lema “Polo San Martiño, peóns ao camiño”.
E a deste luns 11 de novembro foi unha mañá fermosa. Centos de nenos e nenas dos centros de ensino de Zas (CEIP Labarta Pose de Baio e CPI de Zas), os seus mestres, e moitas nais, pais, avoas e avós, xuntáronse na Praza Jorge Mira de Baio para gozar dun Día de Redondo con máxima entrega e participación.
Arrincaba ás 11:00h, xa co soliño quecendo a praza. Xa coas crianzas situadas arredor das mesas instaladas polo Concello de Zas, repartironse os peóns e as virandelas, os peóns para os de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e as virandelas para infantil, primeiro e segundo de primaria.
Xosé Manuel Barreiro da Asociación Brinquedia doulles a benvida e breves indicacións de como ía ser o evento. Durante uns 20 minutos estiveron decorando os peóns e virandelas cos rotuladores que tiñan encima das mesas.
Despois Stevo Lema, o ex profesor e a gran alma do tenis de mesa soneirán, liu o manifesto do día do peón e ao remate del todxs ao mesmo tempo bailaron os peóns e as virandelas. Logo tiveron tempo de practicar e tamén moitas persoas maiores que estaban na praza, entre elas Daniel Pino da Asociación Brinquedia, que puxo a rodar o seu peón xigante que azuzaba cunha vara de vimbio deixando pampas ás todas as crianzas.
Para rematar todxs xuntos bailaron a canción do grupo ourensán “Ourensons” a canción “Como o trompo”.