Xoves. 25.04.2024
El tiempo

1,8 millóns para investir no abastecemento da Laracha

1,8 millóns para investir no abastecemento da Laracha

Aprobaba onte o Consello da Xunta un convenio de colaboración co Concello da Laracha para executar unha primeira fase de mellora na rede de abastecemento municipal cun investimento de 1.850.000 euros (o 80% de achega da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

Unhas obras que intentarán solventar os importantes déficits derivados, fundamentalmente, da falta de presión de auga nalgunhas zonas e da falta de capacidade de almacenamento para facer fronte ás demandas de auga en época estival.

Nesta 1ª fase ampliarase a potabilizadora, construirase un novo bombeo e un novo depósito de auga potable que mellore o funcionamento da rede de abastecemento e permita facer fronte á demanda de auga en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial.

Con esta intervención a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes

Obras da rede viaria

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Dámaso Ferreiro, responsable da empresa construtora, formalizaron o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria en seis parroquias do termo municipal por un valor de 64.000€.

As actuacións comezarán a executarse nos próximos días, afectando a 11 núcleos de poboación, contemplándose a limpeza das cunetas, a mellora da capa de rodadura e a sinalización en estradas dos lugares de Cabovilaño (Nogán, As Ribas, A Teixoeira e Cardois), Coiro (O Pereiro), Lendo (Lista e Os Abelares), Soandres (O Campo Medado), Montemaior (A Ribeiriña e A Cerdeira) e Vilaño (Vilaño Vello).

Comentarios