martes. 18.03.2025
El tiempo

Así está o conflito da Policía Local da Laracha

Edificio Administrativo da Laracha-Policia Local
Así está o conflito da Policía Local da Laracha

Continúa viva a problemática coa Policía Local da Laracha.Desde finais do mes de maio de 2024 o Concello da Laracha non dispón do servizo de Policía Local ao estar todos os seus efectivos (1 oficial e 4 axentes) de baixa médica, dous deles desde o 28 de maio e os outros tres desde o 31 de maio. s dous axentes que se incorporaron por mobilidade en outubro tamén colleron a baixa médica o 23 e o 30 dese mes.

Ata finais de marzo non hai novas revisións médicas dos axentes polo que como mínimo ata esas datas non se vai dispoñer do servizo de Policía Local, prazo que podería prolongarse no caso de que se renoven ditas baixas médicas.

Unha situación que está a xerar críticas por parte da oposición. Así, esta semana o PSdeG-PSOE da Laracha denunciaba que o Goberno municipal do PP "xoga coa seguridade da veciñanza ao programar eventos multitudinarios mentres o Concello continúa sen Policía Local”. A voceira socialista local Inés Ramos López sinala que o alcalde está a tomar deste xeito "decisións irresponsables que poñen en risco á cidadanía", en referencia a eventos como o desfile de Entroido.

Esta denuncia vén de provocar a reacción do grupo de goberno popular, que considera que as afirmacións do PSOE son “hiperbólicas e o único que pretenden é tratar de danar ao Goberno local a costa de meterlle un medo infundado aos laracheses e crear unha falsa sensación de inseguridade para xerar alarma social”.

Lembra o PP que nos últimos 9 meses “leváronse a cabo nos últimos nove meses os habituais eventos multitudinarios de cada ano, incluíndo todas as festas do verán, probas deportivas que implicaron cortes de estradas e programación de Nadal e de Entroido, sen que se producisen incidencias de relevancia en ningún deles”. E sinala que o Concello “busca solucións” para reforzar a seguridade gracias á colaboración da Garda Civil, a cooperación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha”.
Concretamente, no evento do Entroido organizado o 28 de febreiro polo CEIP Otero Pedrayo, que incluíu o desprazamento do alumnado á Praza do Concello desde o centro de ensino, o control do tráfico foi coordinado polo Concello, a Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha. O coordinador da agrupación é Pablo Cambón, que tamén é voluntario de Protección Civil desde o 28 de xaneiro de 2016 (anos antes de ser concelleiro) e conta coa correspondente formación na materia”.

Negociación

A análise do grupo de goberno sinala que “as baixas médicas coinciden no tempo co procedemento de revisión da relación de postos de traballo (RPT) do Concello”. Explican tamén que “durante o período de baixa, todos os efectivos da Policía Local están a percibir o seu salario íntegro”. Con todo, dende a UGPOL denunciara no seu dia que as condicións dos axentes da Laracha eran peores que a doutros concellos da contorna.

Máis novas

Comentarios