Avances na remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte
A Deputación e o Concello da Laracha cofinanciarán o proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte.
A antiga casa reitoral de Golmar alberga o museo desde o ano 2009. Unha iniciativa, tamén impulsada por Concello e Deputación, que permitiu recuperar unha edificación do século XIX de alta importancia histórica e poñer a parroquia no mapa cultural e turístico galego.
Agora vaise modernizar e dar un impulso á instalación cun proxecto de remusealización que renovará os seus contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes. Potenciar o atractivo turístico do museo tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.
A intervención presenta un orzamento superior aos 48.000 euros, achegando a Deputación o 80% dese investimento e o Concello, o 20 % restante.