Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Palomi respódenlle con outra carta aberta ao alcalde da Laracha

Palomi Rodriguez e Jose Manuel Lopez Varela
Palomi Rodríguez e Jose Manuel López Varela
Palomi respódenlle con outra carta aberta ao alcalde da Laracha

Carta Aberta de Palomi Rodríguez ao alcalde da Laracha: “No mandato de Formoso, a Deputación leva investido na Laracha 13 millóns de euros, seis veces máis que cando gobernaba o Partido Popular”

Parece que a presentación da candidatura do Partido Socialista ás eleccións municipais puxo nervioso ao señor López Varela. Só así se explican as sucesivas misivas enviadas á prensa polo alcalde nos últimos días para criticar á Deputación da Coruña e ao seu presidente e líder PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso.

Un frenesí epistolar que curiosamente coincide no tempo co acto desta fin de semana, no que a veciñanza encheu a Casa da Cultura para coñecer o proxecto político co que os socialistas da Laracha nos presentamos á cita coas urnas do vindeiro mes de maio.

Primeiro foron as estradas, despois os servizos sociais… López Varela busca calquera escusa co único obxectivo de criticar a unha Deputación que no mandato de Formoso leva investido na Laracha 13 millóns de euros, seis veces máis do que investía o Partido Popular cando gobernaba.

Non escoitabamos entón nin unha soa crítica do alcalde á Deputación, simplemente porque a gobernaba o seu partido. Debo recordarlle, señor alcalde, que o seu traballo é defender os intereses dos seus veciños por enriba dos da súa formación política.

Para comprobar a acción da Deputación no noso municipio nos últimos anos só hai que dar unha volta polas parroquias: as pistas deportivas do IES Agra de Leborís, a urbanización na prolongación da avenida Manuel Fraga, a humanización da rúa médico David Mallo, as beirarrúas da Travesía Eusebio Bértoa, a mellora de camiños e núcleos rurais en Erboedo, Lestón, Montemaior, Soandres, Cabovilaño, Caión… case 60 obras financiadas cun Plan de Obras e Servizos que cada ano inviste na Laracha arredor de 1,4 millóns de euros, fronte aos 214.000 euros que investía o “goberno amigo” de Diego Calvo co plan DTC. Seis veces máis.

O mesmo sucede cos servizos sociais. Boa parte deles financiados tamén pola Deputación da Coruña con ata tres veces máis orzamento que cando gobernaba o PP. Falo das 13.333 horas de Axuda no Fogar que melloran a vida de persoas maiores e dependentes e as súas familias, das catro profesionais contratadas nos servizos sociais con cargo á institución provincial, das 31 persoas maiores que contan co servizo de Teleasistencia ou dos máis de 103.000 euros anuais que A Laracha recibe do Fondo Social do Plan Único para financiar programas que melloran a calidade de vida e o benestar da nosa veciñanza.

O proxecto turístico dos Fogóns dos Anllóns que estes días se presentou en FITUR, os 38 empregos creados a través do PEL na Laracha ou as máis de trinta entidades sociais, culturais e deportivas do municipio que apoia cada ano a Deputación coas súas liñas de axudas son tamén exemplo do apoio do goberno de Valentín Formoso ao noso concello que vostede pon en dúbida.

Botamos de menos, señor alcalde, o mesmo nivel de reivindicación con outras administracións. Non estaría mal que dedicara algúns minutos tamén a enviar algunha carta ao presidente da Xunta de Galicia cando pecha as escolas unitarias, recorta profesores e unidades didácticas nos nosos colexios e institutos, cando temos que esperar case unha semana para que nos dean consulta no médico de cabeceira ou para pedir melloras na seguridade nalgunhas estradas autonómicas que rexistran un elevado número de accidentes ou unha simple marquesina de bus na estrada AC-400.

Seguro que quedan cousas por facer, señor López Varela. E seguro que se poden resolver con traballo, diálogo e entendemento, non buscando esa confrontación permanente na que o Partido Popular se sente tan cómodo pero que a cidadanía, tamén a da Laracha, rexeita.

  • Palomi Rodríguez. Candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía da Laracha.

Novas relacionadas

Comentarios