Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Concello e os centros de ensino da Laracha preparan o programa do 25N

O Concello e os centros de ensino da Laracha preparan o programa do 25N

A concelleira de Muller do Concello da Laracha, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, a pediatra do centro de saúde da Laracha, e representantes dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino do termo municipal (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) participaron onte na mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino.

Entre os asuntos máis destacados da xuntanza cabe salientar que se abordou a programación municipal que se vai desenvolver nos colexios e no instituto en torno ao 25 de novembro, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Como principal novidade, neste ano organizarase un concurso por redes sociais dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato. Ademais, tamén haberá obradoiros de sensibilización, prevención e información especialmente centrados na violencia dixital e nos que se empregarán metodoloxías adaptadas a cada grupo de idade.

O Concello presentará nos próximos días os contidos ao completo do programa municipal en torno ao 25N, que tamén incluirán actividades para a poboación en xeral.

Por outra banda, foi presentado á mesa o protocolo de actuación nas áreas sanitaria, educativa e social ante a detección tanto nos centros de ensino como no centro de saúde de posibles casos relacionados coa violencia de xénero.

Comentarios