xoves. 23.01.2025
El tiempo

O Concello da Laracha instalará un sistema de enerxía solar na cuberta do pavillón para abastecer os edificios municipais

  • Os paneis que se colocarán na cuberta do pavillón Municipal da Laracha abastecerán a diferentes edificios municipais para alcanzar un autoconsumo do 56,7 %.
pavillon laracha
O Concello da Laracha instalará un sistema de enerxía solar na cuberta do pavillón para abastecer os edificios municipais

O Concello da Laracha sacou a licitación o proxecto que ten por finalidade a instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes. Un proxecto anunciado hai xusto un ano que pode ver a luz en 2025.

O lugar escollido é a cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha, considerándoo o máis idóneo porque permite aproveitar a pendente existente, pola orientación sur e por minimizar o impacto visual dos paneis solares que van ser colocados e que alcanzarán unha potencia total de 99 Kw.

Este sistema fotovoltaico é especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que están concentrados nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica. En concreto, as instalacións que serán abastecidas son a Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais será do 56,7 %, o que implicaría tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións.
O orzamento do proxecto é de 119.490,26 euros, que serán cofinanciados polo Instituto Enerxético de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. En concreto, a achega económica dese organismo autónomo da Xunta de Galicia é de 86.625 euros.

Comentarios