O Concello da Laracha prepara unha nova excavación do Castro de Montes Claros
As primeiras excavacións realizadas en 2021 demostraban a vinculación da comarca de Bergantiños co Mediterráneo. Desta volta, e despois de que os obradoiros de emprego e o campus de voluntariado internacional deixasen o terreo preparado, o Concello da Laracha continúa apostando polo seu patrimonio promovendo unha nova excavación arqueolóxica, cun orzamento de 20.000 euros para indagar sobre a historia do Castro de Montes, un poboado fortificado da Idade do Ferro situado no lugar do mesmo nome, entre as parroquias de Cabovilaño e Vilaño
A empresa adxudicataria será Árbore Arqueoloxía, baixo a dirección de Puri Soto, que traballará para coidar o castro non só como un recurso cultural, tamén como enclave de valor paisaxístico, turístico e didáctico.Nesta segunda intervención arqueolóxica proponse a ampliación da cata na primeira terraza nunha superficie de 60 metros cadrados para descubrir a natureza e extensión do espazo que conforma a porta surleste, investigar a función das grandes piletas escavadas na rocha e definir a estrutura delimitada polo muro empedrado como un posible camiño de acceso á croa.
O proxecto da escavación atenderá a tres aspectos fundamentais. O primeiro está relacionado coa documentación e a investigación, presentando os propósitos primordiais tanto de afondar na súa caracterización como de dotar de contexto histórico ao miliario de Vilaño localizado nesta zona. Do mesmo xeito, estudarase o papel xogado polo antigo poboado na conformación das primeiras paisaxes agrarias e as transformacións sufridas durante a romanización. Tamén serán documentados todos os restos achados e tomaranse mostras para efectuar analíticas de carácter antracolóxico e carpolóxico.
Por suposto, ao remata os centros de ensino volverán pasar para coñecer os resultados.