O Obradoiro de Emprego da Laracha serve para poñer en valor o Castro de Montes Claros
É o Concello da Laracha un dos que mellor aproveitan os Obradoiros de Emprego para mellorar as súas infraestruturas. Así o está facendo o alumnado-traballador estes días no Castro de Montes Claros, aproveitando o programa mixto de formación e emprego que realizan conxuntamente A Laracha e Arteixo.
O programa consta de dúas especialidades (a de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e a de actividades auxiliares en conservación de mellora de montes) con dez alumnos traballadores en cada unha delas –vinte en total- máis as cinco persoas que compoñen o equipo directivo, formativo e administrativo.
Ambas especialidades realizan a fase teórica no municipio de Arteixo. A fase práctica comezou nesta semana, sendo para A Laracha o punto de actuación exclusivo o Castro de Montes Claros. Os labores que se xa comezaron a levarse a cabo polos dez alumnos traballadores teñen por finalidade a posta en valor do xacemento e do seu entorno, respectando o valor arqueolóxico e preparándoo para un desenvolvemento ecolóxico e práctico.
Continuando coas intervencións realizadas nos anos anteriores por diversas iniciativas impulsadas desde o Concello, a intervención céntrase no desbroce e limpeza da croa, reducindo a presenza de especies vexetais invasoras (fundamentalmente, os rebrotes de eucalipto) e potenciando as autóctonas como os castiñeiros e os carballos, aos que se aplicarán tratamentos de enxerto e poda. Ademais, realizaranse estruturas vexetais para delimitar espazos do castro, serán creadas zonas húmidas para facilitar a proliferación dos fungos e levaranse a cabo labores auxiliares para protexer os muros de mampostería existentes.